A Consellería do Medio Rural ven de publicar o “Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña de Galicia”, que se marca como obxectivo recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 ha novas para a produción de madeira e de froito desta especie.
O programa establece unha diagnose da situación actual dos castiñeiros en Galicia como base para programar 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención, centrados na planificación e seguimento da produción, na transferencia de información dende as entidades investigadoras e no apoio ao sector viveirístico para garantir a subministración de planta, no fomento de recursos e aproveitamentos, no impulso á comercialización e á calidade da castaña e, por último, na mellora da competitividade das empresas.
Con todas estas medidas, búscase involucrar a todos os axentes implicados no sector, como a Administración, os distintos axentes económicos e sociais comarcais, os grupos de desenvolvemento rural, os viveiros, os produtores forestais e os representantes do tecido empresarial transformador e comercializador, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.
O período de execución deste programa prolongarase ata o ano 2040 e conta cun orzamento de 21,995 millóns de euros -incluíndo fondos públicos e privados- para a primeira etapa de accións deica o 2025, ata cando se prevén plantar 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e 2.000 ha para a produción de madeira, así como restaurar 2.000 ha de soutos. Delas, entre este ano e o que vén acadaranse xa as 500, 600 e 500 hectáreas de actuación, en cada un dos casos respectivamente.