
Os pastos permanentes e a agricultura rexenerativa teñen unha importante capacidade de secuestro de carbono
O Diario Oficlal de Galicia publica este mércores o Decreto polo que se regula o primeiro sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia, unha iniciativa que se porá á disposición de empresas, entidades, organizacións e mesmo da cidadanía para que poidan compensar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por un amplo abano de proxectos con capacidade para evitar ou capturar dióxido de carbono.
Este decreto, que entrará en vigor aos 20 días naturais da súa publicación, ten por obxecto a creación e regulación do Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia, a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes, e o establecemento dos requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das accións para evitar ou secuestrar o dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros.
Entre as iniciativas que poderán integrarse no sistema e participar nestas transaccións cómpre citar proxectos relacionados coa reforestación e conservación de bosques, restauración de ecosistemas mariños e costeiros, adopción de prácticas agrogandeiras rexenerativas ou impulso e uso de enerxías renovables, entre outros. Cada tonelada de CO₂ absorbida equivalerá a 1 crédito de carbono que se porá á disposición tanto dos propios beneficiarios como das persoas intermediarias.
Poderán integrarse no mercado voluntario de créditos de carbono proxectos de reforestación, prácticas agrogandeiras rexenerativas e enerxías renovables
A Xunta desenvolverá un market place, con trazabilidade verificada, que permitirá o intercambio económico de créditos de carbono entre propietarios de proxectos de absorción e interesados en adquirir eses créditos. Ademais, tamén creará un banco de parcelas a través da análise do potencial de absorción de carbono en Galicia, que incluirá superficies forestais, parcelas agrarias, etc.
A publicación do Decreto que regula o mercado galego de carbono no DOG é un primeiro paso para a sua posta en marcha. Faltan cuestións como metodoloxías de cálculo e poñer en marcha a plataforma electrónica do sistema, segundo explicou este martes o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández, no peche da xornada Piñeiros 25.
Ferramenta informática operativa a finais de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinará 6,8 millóns de euros a poñer en marcha esta iniciativa, cun funcionamento similar ao dun mercado virtual no cal se busca poñer en contacto os promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar emisións.
A Plataforma de créditos de carbono de Galicia estará dispoñible no prazo máximo de 9 meses contados desde o día seguinte á entrada en vigor do decreto
O desenvolvemento da plataforma que dará soporte e garantirá a interoperabilidade do novo sistema de créditos de carbono farase no marco do SICLE CO 2, un dos oito proxectos galegos escollido este ano no marco da convocatoria de compra pública innovadora, financiada nun 40% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e nun 60% con fondos europeos da liña FID, que busca apoiar solucións baseadas na I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas.
Galicia será pioneira en España ao contar co primeiro mercado voluntario de carbono
En total, o proxecto SICLE conta cun orzamento de 6,8 millóns de euros, dos cales 6 millóns se destinarán a licitar este ano a referida plataforma, co obxectivo de que entre en funcionamento ao longo de 2026, e 800.000 euros a poñer en marcha as accións de comunicación do mercado e a oficina técnica que xestionará todo o sistema.
Deste xeito, Galicia será pioneira en España, xa que contará en 2026 co primeiro mercado voluntario de carbono que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.
Comité técnico
Para facilitar as operacións entre os promotores dos proxectos e os beneficiarios que adquiran os créditos porase en marcha unha plataforma electrónica que xestionará o novo mercado voluntario mediante transaccións verificables e certificadas, dotándoo así de rastrexabilidade e seguridade.
Os proxectos serán sometidos a un proceso de validación inicial que os certifique como iniciativas de absorción de carbono e a un seguemento posterior de cumprimento dos obxectivos
Con tal fin, antes da súa incorporación ao sistema, os proxectos serán sometidos a un proceso de validación inicial que os certifique como iniciativas de absorción de carbono e a unha validación continua posterior que acredite o cumprimento das accións previstas e dos créditos xerados.
Neste sentido, o decreto publicado este mércores no DOG tamén prevé crear un comité técnico para a avaliación das metodoloxías necesarias para o cálculo dos créditos de carbono de cada proxecto.
Galicia, líder en capacidade de absorción de CO₂

Concentración de carbono orgánico no chan nos solos agrícolas españois
Galicia ten un gran potencial desde o punto de vista da capacidade de absorción de carbono. De feito, a metade dos proxectos de compensación e de captura de CO₂ rexistrados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no conxunto do estado son galegos.
A metade dos proxectos de compensación e de captura de CO₂ incluídos no Rexistro do Ministerio para a Transición Ecolóxica son galegos
Ademais, segundo o último inventario nacional correspondente ao ano 2023, Galicia é a comunidade autónoma que máis dióxido de carbono absorbe: 8,9 millóns de toneladas anuais de CO₂ equivalentes, é dicir, un 57% máis que en 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas.
Segundo se establece no Decreto publicado no DOG, “a Xunta de Galicia poderá establecer mecanismos de fomento para incentivar a elaboración e inscrición de proxectos de carbono no sistema regulado no presente decreto, en particular, poderán recibir un tratamento especial aqueles créditos de carbono asociados a proxectos e actividades que comporten beneficios adicionais a nivel ambiental e social no ámbito da comunidade autónoma”.
Galego









Control OJD