
Síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se completa o pago das axudas correspondentes á última época de circulación do vector transmisor da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) no ano 2024. Faranse efectivos pagos por importe total de máis de 96.000 euros a 70 gandeiros beneficiados que declararan a doenza e/ou obtiveran os correspondentes resultados analíticos con posterioridade ao 5 de decembro de 2024, ou que sufriron mortes pola enfermidade despois desa data. Cómpre aclarar que a meirande parte do orzamento destas axudas xa se executou con anterioridade.
Neste sentido, as axudas concedidas ata o de agora corresponderon aos afectados que declararan a enfermidade e obtiveran os resultados desde a chegada desta doenza a Galicia no 2023 ata a referida data. En concreto, en xuño deste ano pagáronse máis de cinco millóns de euros a 2.559 gandeiros. Polo tanto, con esta nova resolución, o número global de beneficiarios sitúase en 2.629, cunha achega total que supera os 5,32 millóns de euros, financiados tanto pola Administración autonómica como polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Deste xeito, complétase o pago correspondentes aos casos detectados dende o mes de decembro ata o comezo da nova época de circulación do vector, que non estivo presente en Galicia dende o comezo do seu período de actividade neste 2025. Neste sentido, cómpre explicar que esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Hai polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
As contías por animal falecido para os beneficiarios oscilan entre os 400 euros por bovino menor de 4 meses e os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120. A maiores, concedéronse achegas para financiar tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, cunhas contías de 100 euros por animal afectado, no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación, ata un máximo de 4.000 euros por granxa, nos desinsectantes.
Estas subvencións foron directas, polo que permitiron reducir a carga burocrática para os gandeiros, xa que os titulares das explotacións só presentaron unha aceptación da axuda sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación.
Galego









Control OJD