Publicadas as axudas para particulares afectados polos lumes forestais de agosto e setembro

A liña de axudas ascende a un millón de euros que se tramitará a través do réxime de mínimis. O prazo de presentación é dun mes a contar dende mañá e o importe máximo a percibir polo solicitante de 15.000 euros

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161003/AnuncioG0426-220916-0002_gl.html

Prazo: Ata 04/11/2016

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas por valor dun millón de euros destinada a compensar as perdas que os particulares sufriran a consecuencia dos lumes deste verán. Polo tanto, estas achegas servirán para a reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados, así como para paliar os danos rexistrados nas explotacións agrícolas e gandeiras. As achegas outorgaranse a través de axudas mínimis e o procedemento de concesión das mesmas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rateo.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural pretende paliar as consecuencias provocadas a particulares polas dúas grandes vagas de incendios sufridos este verán nos meses de agosto e setembro. Estas achegas, de carácter excepcional, súmanse ademais ao resto de liñas de axudas postas en marcha dende as distintas consellerías co mesmo fin e que, xuntas, alcanzan os 10 millóns de euros.

O ámbito de aplicación destas axudas inclúe ás infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais, á maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios forestais, e aos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, así como á subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios que se produciron en agosto e setembro de 2016. Tamén se inclúen os gastos derivados da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial.

En concreto, a orde establece ata 7 liñas distintas segundo o danos rexistrados e a persoa interesada poderá solicitalas todas se así o cree necesario, aínda que o seu expediente será único.

O importe máximo a recibir por cada beneficiario é de 15.000 euros e o prazo para tramitar as axudas é dun mes a contar dende mañá -ata o 4 de novembro- e pode facerse por vía telemática ou en papel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *