A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destinou máis de 6,7 millóns de euros en apoios para elaborar e comercializar viños e promocionalos en terceiros países, chegando a beneficiar a un total de 45 entidades. Así o recolle un informe avaliado este luns no Consello do Goberno galego sobre a convocatoria de 2025 destas dúas liñas de axuda, cuxa resolución se vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia.
As achegas para a elaboración e comercialización permitiron beneficiar 27 entidades, a maior parte delas nas provincias de Ourense e Pontevedra, cun orzamento de máis de 5,4 millóns de euros, para chegar a un investimento subvencionable de 18 millóns. Esta liña ten como obxectivo mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade.
As axudas tamén contribúen a fomentar a certificación ambiental das empresas, propiciar a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e favorecer a innovación e a implantación de novos produtos. Ademais, impulsan o incremento da dimensión empresarial, potencian a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor, impulsan os investimentos e comercialización e promoven a introdución das tecnoloxías dixitais, segundo resume a Xunta.
Por outra banda, as axudas de promoción do sector vitivinícola en terceiros países contan con 18 entidades beneficiarias por un importe de 1,27 millóns de euros e un investimento subvencionable superior aos 2,5 millóns de euros. Estas achegas teñen como fin promocionar o coñecemento das características e calidade dos viños galegos para contribuír á mellora da súa competitividade.
Convocatoria de 2026
No período 2018-2025, a Consellería do Medio Rural investiu case 40 millóns de euros para o desenvolvemento destas axudas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga). Neste sentido, as achegas para elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas dispuxeron dun orzamento de máis de 30,3 millóns de euros, e as de promoción do sector en mercados de terceiros países superaron os 9,6 millóns.
Cómpre engadir tamén que o pasado mes de decembro se publicou unha nova convocatoria das axudas destinadas á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, correspondente ao ano 2026, cun orzamento de 5,5 millóns de euros.
12 millóns anuais para o sector vitivinícola
A maiores destas dúas liñas de axuda, a Consellería apoia o sector do viño con outras accións, que fan que o apoio autonómico anual ascenda a uns 12 millóns de euros. Neste sentido, destacan as achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo, cuxa convocatoria de 2025 se resolveu o pasado 13 de xaneiro, con 132 viticultores beneficiados cun importe de 3 millóns de euros.
A isto é preciso engadir outras accións como as axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, xa convocadas este 2026 cun orzamento de 1,5 millóns. O sector, ademais, tamén conta con achegas para os consellos reguladores co obxectivo de facilitar a súa actividade ou impulsar programas de calidade.
Galego









Control OJD