O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que recolle a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a máis de 400 beneficiarios, por un importe de algo máis de 10,2 millóns de euros, cunha superficie de actuación de máis de 5.600 ha, en virtude da convocatoria do ano pasado.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación Forestal, concede estas axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro.
A meirande parte das axudas están destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperatias agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, e aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.
Reparto das axudas
Na provincia de Ourense aprobáronse 145 expedientes para 2.718 hectáreas, cun importe de 5,1 millóns de euros; na de Pontevedra foron 117 expedientes para 1.285 hectáreas cun importe de case 2,2 millóns de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.150 hectáreas, cun importe de 2 millóns de euros e, finalmente, na provincia da Coruña aprobáronse 43 expedientes para traballar en 501 hectáreas, cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 407 expedientes aprobados para unha superficie de actuación de 5.654 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros.
Arredor dun 90% da contía concedida correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2023. Estímase que execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas implica a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo. .
As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5% e da Xunta de Galicia do 17,5%.
Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230116/AnuncioG0426-161222-0002_gl.html