Publicada a listaxe dos 2560 gandeiros beneficiarios dos 5 millóns de axudas da Xunta pola EHE

VACAS MANZANEDA PASTO VIANESAS CALDELASA Consellería do Medio Rural asegura que fixo efectivo a comezos desta semana o pagamento de máis de cinco millóns de euros a preto de 2.560 gandeiros galegos afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución cos beneficiarios destas axudas, financiadas con fondos propios da Xunta e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Estes fondos servirán tanto para compensar as mortes dos animais positivos por esta doenza como para subvencionar os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e das instalacións das granxas afectadas nos anos 2023 e 2024. Cada explotación recibiu preto de 2.000 euros de media, aínda que máis dunha trintena de granxas percibiron contías superiores aos 8.000 euros.

Redución da carga burocrática

Dende a Consellería do Medio Rural destacan que se optou por achegas directas, co obxectivo de reducir a carga burocrática dos gandeiros, poñendo á súa disposición un proceso de solicitude sinxelo e accesible para todos. “De feito, as persoas afectadas só tiveron que presentar unha aceptación da axuda, sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación”, engaden.

As contías por animal falecido van desde os 400 euros -por bovino menor de catro meses- ata os 1.600 euros -para os de idade maior ou igual a 18 meses e menor de 120-, o que implica duplicar a contía media que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o de agora. Cabe sinalar que esta axuda é complementaria coa orde de indemnizacións por morte que xa se pagou polo falecemento de 410 animais, cun importe de máis de 200.000 euros. No que atinxe ás achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías foron de 100 euros por animal afectado no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación e ata un máximo de 4.000 euros por granxa, no caso dos desinsectantes.

Protección inmunitaria

Por outra banda, dende Medio Rural informan de que tras realizar un estudo de prevalencia na cabana gandeira galega, no que se tomaron mostras en máis de 3.000 animais de 315 granxas elixidas ao azar, constátase que en máis do 80 % das explotacións existe unha alta protección inmunitaria fronte á enfermidade, de maior intensidade nas provincias de Ourense e Pontevedra.

A maiores, ao analizar o estudo da prevalencia intra-rabaño, no que se tomaron mostras en explotacións afectadas directamente pola enfermidade, tamén se confirma que nos rabaños afectados existe unha alta protección inmunitaria, moi alta nas explotacións de carne (do 75%) e menor nas de leite (próxima ao 50%).

Consulta aquí a listaxe de beneficiarios das axudas. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información