O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas directas da Consellería do Medio Rural para paliar as consecuencias da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), na que se recollen as máis de 2.600 explotacións gandeiras beneficiarias. Con estas achegas, séguense a compensar as mortes dos animais positivos por esta doenza e, ademais, subvenciónanse custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e instalacións das explotacións afectadas nos anos 2023 e 2024.
As contías por animal falecido van dos 400 euros por bovino menor de 4 meses ata os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120, o que implica duplicar a contía media que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o de agora. Esta axuda é complementaria coa orde de indemnizacións por morte que xa se pagou polo falecemento de 410 animais. Aqueles que se beneficiasen desta última orde de axudas recibirán a diferenza entre os baremos destas achegas concretas para EHE e os importes xa cobrados.
Sobre as achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías concedidas son de 100 euros por animal afectado, no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación, ata un máximo de 4.000 euros por granxa, nos desinsectantes. En total, o Goberno galego fixo un esforzo orzamentario de arredor de 5,6 millóns de euros para paliar as consecuencias da EHE.
Menor carga burocrática
Estas axudas, ao ser directas, permiten reducir a carga burocrática para os gandeiros, polo que os titulares das explotacións só terán que presentar unha aceptación da axuda sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación.
A resolución publicada hoxe elaborouse coincidindo co final do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza, co obxectivo de que opten á axuda a maioría das explotacións afectadas no presente ano. Os beneficiarios deberán presentar, no prazo dun mes a partir de mañá, a aceptación destas axudas. Posteriormente, faranse as comprobacións pertinentes para emitir a resolución final coa lista de beneficiados e, no seu caso, proceder ao pago.
Galego








Control OJD