Publicada a lista de beneficiarios das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións

Foron aprobadas un total de 1.206 subvencións por importe de 43,25 millóns de euros na última convocatoria realizada

Publicada a lista de beneficiarios das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a lista de beneficiarios das axudas de 2020 para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora); para a incorporación de agricultores mozos; e para pequenas explotacións. Deste xeito, 1.206 agricultores e gandeiros beneficiaranse dun total de 43,25 millóns de euros.

No caso dos investimentos en explotacións agrarias (máis coñecidos como plans de mellora), a Consellería do Medio Rural aprobou 715 solicitudes cun importe de 29,76 millóns de euros. Polo tanto, a axuda media por proxecto ascende aos 41.600 euros. Se analizamos as achegas aprobadas por orientación produtiva, destacan o vacún de leite e o de carne, que representan o 60,5% e o 18% respectivamente.

No apartado destinado aos mozos, un total de 278 incorporaranse á actividade agraria grazas a estas subvencións. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario. En total, falamos de 10,30 millóns de euros cos que, segundo a propia Xunta, “garántese o relevo xeracional no campo”. Por sectores, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 20% dos expedientes respectivamente.

Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, na convocatoria de 2020 beneficiaranse un total de 213 granxas cunha achega por beneficiario de 15.000 euros. No caso desta liña, encabezan a repartición por orientación produtiva as explotacións de vacún de carne, que representan o 68,5% dos expedientes aprobados, seguidas polo vacún de leite co 15% dos expedientes. A achega total do orzamento ascende a 3,19 millóns de euros.

Os obxectivos da Consellería

“Con esta orde de axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade”, reza a nota difundida aos medios de comunicación esta mañá. Ao mesmo tempo, engaden, “procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector agrario, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información