O listado de beneficiarios das axudas para tratamentos silvícolas e prácticas de prevención dos lumes vén de publicarse hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). As subvencións, convocadas a finais de decembro do 2015, oriéntanse a dúas liñas, unha para o control de combustible forestal (rozas, claras, podas), coa finalidade de prevención de incendios; e outra para tratamentos silvícolas e plantación puntual de determinadas árbores co obxectivo de aumentar os valores ecolóxicos do bosque.
A resolución publicada hoxe no DOG recolle os beneficiarios de cada unha das liñas, así como as solicitudes desestimadas e os motivos de desestimación. Desde as comunidades de montes e o sector forestal vense reclamando unha resolución máis áxil das axudas, pois considérase que as subvencións dirixidas á prevención de incendios deberían estar executadas antes da época de alto risco de lumes (xullo-setembro).
Con anterioridade a esta resolución, a finais de xuño, comunicáronse as axudas concedidas para manter cortalumes e crear puntos de auga nas comunidades de montes; se ben parte dos traballos están aínda sen executar ou tiveron que realizarse na época de risco dos lumes, co conseguinte perigo de faíscas ligado ó traballo das máquinas no monte.