O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) coa relación de solicitudes aprobadas e denegadas das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023.
Estas axudas, que xestiona o organismo pagador adscrito á Consellería do Medio Rural, correspóndense coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, en concreto ás partidas de agroambiente e clima.
O Fogga aprobou un total de 26.207.224,70 euros na campaña de 2023 dentro destas achegas, que están cofinanciadas ao 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O número de beneficiarios ascende a 6.345 na nosa comunidade autónoma.
A relación de solicitudes estará publicada na web do Fogga, na seguinte ligazón: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campana-2023. Ademais, póñense a disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes mediante a aplicación para teléfonos móbiles «Sga@pp», dispoñible en Google Play ou en App Store, e no «Portal de axudas PAC» a través da seguinte ligazón: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac.
Contra as resolucións, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga no prazo dun mes desde o día seguinte ao desta publicación.