O Goberno autonómico anuncia que comezará a aboar nos próximos días as axudas agroambientais, que ascenden a preto de 25 millóns de euros, e que completarán os pagos do fondo Feader da Campaña da PAC 2024.
Desde a Consellería do Medio Rural destaca que a día 8 de xuño, xa tiñan executados un 93% dos pagamentos correspondentes á campaña da Política Agraria Común (PAC) 2024. Así, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma en acadar un maior nivel de execución neste período, segundo Medio Rural.
A tres semanas de rematar os pagamentos da campaña da PAC 2024, só catro comunidades autónomas se atopan por riba do 90 % de execución, entre elas Galicia. Actualmente hai sete comunidades entre o 70 % e o 80 %, mentres que cinco comunidades máis están por baixo do 70 %. O prazo de execución dos pagos conclúe o próximo 30 de xuño.
Medio Rural lembra que xa aboou o 100 % das axudas directas a finais do mes de maio, cun desembolso total duns 172,5 millóns de euros. A este orzamento das axudas directas deben engadirse os do pago de decembro de 2024 correspondente ás zonas con limitacións naturais, que son uns 17,3 millóns de euros.
As achegas directas da PAC inclúen as axudas básicas á renda para a sustentabilidade, a redistributiva complementaria, a axuda complementaria á renda para as persoas agricultoras mozas, co obxectivo de favorecer a remuda xeracional; os ecorreximes, que son aquelas prácticas voluntarias que levan a cabo os agricultores para impulsar o rendemento ambiental e climático; e as achegas asociadas á produción.
Balance da PAC 2025 en Galicia: exceso de burocracia e un ecorrexime de sega mellorable