Próximo pagamento das axudas ás 2.560 granxas afectadas pola EHE

O obxectivo dos apoios de Medio Rural é compensar as perdas pola enfermidade hemorráxica epizoótica e apoiar os tratamentos veterinarios e desinsectantes no 2023 e 2024

Próximo pagamento das axudas ás 2.560 granxas afectadas pola EHE

Síntomas da EHE. / Imaxe de arquivo.

A Consellería do Medio Rural realizará proximamente o pagamento de máis de 5 millóns de euros a preto de 2.560 explotacións gandeiras galegas afectadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Estas axudas directas teñen como finalidade paliar as consecuencias desta doenza, que impactou no sector gandeiro galego durante os anos 2023 e 2024.

O financiamento destas achegas provén de fondos propios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. As axudas inclúen compensacións polas mortes dos animais que deron positivo por EHE e tamén cobren os gastos derivados dos tratamentos veterinarios e o uso de desinsectantes tanto nos animais como nas instalacións.

En media, cada explotación beneficiaria recibirá uns 2.000 euros. Algunhas, con maiores perdas, superarán amplamente esta cifra: máis dunha trintena de granxas percibirán máis de 8.000 euros.

As contías asignadas por animal morto varían entre os 400 euros, para becerros de menos de 4 meses, e os 1.600 euros, para bovinos de entre 18 e 120 meses. Estas cifras duplican a contía media que se viña pagando ata o de agora por este mesmo concepto. Ademais, esta axuda é compatible coa orde anterior de indemnizacións por morte, que xa se abonou polo falecemento de 410 animais e supuxo un desembolso de algo máis de 200.000 euros.

Para aqueles que xa recibiron esa primeira axuda, agora percibirán a diferenza entre o importe daquela orde e os novos baremos establecidos para esta liña de subvencións. En total, o investimento da Xunta ascende a case 5,23 millóns de euros.

No relativo aos tratamentos veterinarios e desinsectantes, concederanse 100 euros por animal afectado para os primeiros, e 20 euros por animal censado no caso dos segundos, cun máximo de 4.000 euros por explotación.

Estas axudas son directas, o que permitiu reducir a carga burocrática para os gandeiros. Só tiveron que presentar a aceptación da axuda sen achegar máis documentación. A listaxe definitiva de beneficiarios elaborarase a partir da resolución provisional publicada en xaneiro e será publicada en breve no Diario Oficial de Galicia.

A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, transmitida exclusivamente pola picadura de mosquitos do xénero Culicoides. Ten un período activo dende abril ata decembro, coincidindo coa presenza do mosquito vector.

Non existe risco de transmisión entre animais nin ás persoas. A enfermidade non se transmite por contacto directo, indirecto ou por consumo de produtos de orixe animal. Aínda que non hai tratamento curativo, si existen vacinas autorizadas dispoñibles mediante prescrición veterinaria, así como medidas preventivas para evitar o contacto cos mosquitos durante o período de risco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información