Próxima resolución dos apoios para plantacións de castiñeiro e rexeneración de soutos tradicionais

A Xunta concede 1,35 millóns de euros en axudas, o que permitirá plantar algo máis de 23.800 pés e actuar nun total de 289 hectáreas

Próxima resolución dos apoios para plantacións de castiñeiro e rexeneración de soutos tradicionais

A Xunta concederá 1,35 millóns de euros en axudas dirixidas ó castiñeiro, o que permitirá plantar algo máis de 23.800 pés e actuar nun total de 289 hectáreas. Os apoios, sinala Medio Rural, fomentan as plantacións de castiñeiro para froito e a rexeneración ou mellora de soutos tradicionais.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vai resolver as axudas, que estarán publicada o vindeiro 20 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta partida está enmarcada dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) de España, na súa compoñente destinada á conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, que ten como obxectivo acadar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica.

A provincia máis beneficiada é a de Lugo, que acumula un 67,70 % do orzamento, xa que a presenza desta especie é maioritaria nas zonas interiores e de montaña. Lugo destaca tamén coa maior superficie de actuación, con algo máis do 67 % do total. Das 58 solicitudes aprobadas, preto da metade -46,55 %- corresponden a propietarios particulares de forma individual; sendo o resto de agrupacións forestais de xestión conxunta -14 solicitudes-, e de comunidades de montes veciñais en man común -16 solicitudes- e unha entidade local.

Cabe sinalar que estas achegas están divididas en dúas liñas, a primeira centrada no fomento de plantación para froito e a segunda na rexeneración ou mellora dos soutos tradicionais, cunha densidade mínima de 50 pés por hectárea. De feito, na primeira liña de axudas localízase a única entidade local beneficiaria, o concello pontevedrés de Pazos de Borbén.

As axudas, responde ás metas marcadas no Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que recolle nun dos seus eixes a elaboración do Plan estratéxico do castiñeiro e produción de castaña en Galicia, que veu a luz no 2022 e que deu orixe a esta liña de axudas.

Dende a Xunta lembran que estas axudas son de vital importancia para o monte galego, xa que o castiñeiro está considerada como unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, sendo un recurso de grande relevancia desde o punto de vista da alimentación, como polo seu valor para usos madeireiros.

Por outra banda, Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castaña, absorbendo máis da metade da produción e comercialización do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información