A Consellería do Medio Rural publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria correspondente ao 2024 das axudas para plans de mellora, incorporación de mozos, novos agricultores e pequenas explotacións agrarias. Esta convocatoria supón un gasto público total de 45,9 millóns de euros e beneficia a 320 mozos (menores de 40 anos), 133 novos agricultores (de 41 a 55 anos de idade) e 370 explotacións, tal como indica o informe que analizou onte o Consello da Xunta.
Como novidade, no 2024 convocáronse achegas para fomentar a incorporación de novos agricultores de 41 a 55 anos, unha liña que non existía anteriormente.
O carácter de todas estas liñas de axuda segue sendo plurianual e dentro do réxime de concorrencia competitiva. Están dirixidas a titulares de explotacións agrarias (plans de mellora) e a persoas físicas que se vaian incorporar á actividade agraria (mozos e non mozos), que
poden financiar todo tipo de investimentos, como a construción e a reforma de inmobles, a compra de maquinaria nova etc.
Os principais sectores beneficiados foron vacún de leite e vacún de carne, seguidos en menor medida por outras liñas de gandería e agricultura. Por provincias, Lugo acumula a maior parte dos expedientes aprobados.