Próxima convocatoria de axudas para plantación de piñeiros e frondosas en terreos desarborados

O Consello da Xunta analizou esta semana unha convocatoria de axudas orientada á plantación de coníferas e frondosas caducifolias. A orde publicarase a finais de xaneiro

Próxima convocatoria de axudas para plantación de piñeiros e frondosas en terreos desarborados

Plantación de piñeiro do CIF Lourizán en Frades. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural destinará este ano preto de 8 millóns de euros ás axudas para a creación de superficies forestais con frondosas caducifolias e coníferas en arredor de 4.000 hectáreas de monte galego. Así consta nun informe elaborado pola Consellería e avaliado polo Consello da Xunta esta semana.

Con esta liña de achegas trátase de fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas con coníferas e frondosas caducifolias (castiñeiros, carballos, etc.), procurando a diminución das masas monoespecíficas e favorecendo o aumento da diversidade.

Deseucaliptización
Igual que o pasado ano, na orde do 2021 tamén se prevé a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas, incrementando deste xeito a descontinuidade e a diversidade de producións dos seu montes.

Beneficiarios e accións subvencionables
Os beneficiarios destas axudas, que sairán a finais deste mes de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán ser propietarios particulares, montes veciñais, montes de varas e Sofor, entre outros.

Con estes fondos subvenciónanse os gastos de plantación forestal e a posta en marcha da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, a zona limpa de biomasa que protexe estas novas plantacións de posibles lumes. Inclúense tamén como subvencionables os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta.

Ademais, as superficies obxecto destas axudas teñen dereito a unha prima anual por hectárea para os custos de mantemento desas forestacións durante os seguintes cinco anos.

Nos últimos cinco anos, o número de beneficiarios nestas convocatorias de axudas ascendeu a preto de 700 e as hectáreas forestadas con frondosas e coníferas en terreos non agrícolas sumaron máis de 13.000 en toda Galicia. O orzamento disposto pola Xunta para estas forestacións foi de algo máis de 34,2 millóns de euros.

Axudas para o mantemento de forestacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se publican as bases e a convocatoria para 2021 das primas de mantemento das forestacións. Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, e están dotadas cun orzamento total de 2,25 millóns de euros para o período 2021-2022-2023.

Os beneficiarios destas primas serán unicamente os titulares de plantacións forestais con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos anos 2016, 2017 e 2018, e que soliciten as achegas previstas nesta orde. Non poderán solicitalas os beneficiarios destas primas nos anos 2019 e 2020.

Sistemas agroforestais
O DOG tamén publica hoxe a nova convocatoria das primas de mantemento para os sistemas agroforestais, que combinan o aproveitamento forestal coa actividade agrícola e na cal se inclúen como actuacións elixibles os custos de mantemento desas forestacións en forma dunha prima anual por hectárea. O orzamento previsto é de 60.000 euros, a razón de 20.000 euros anuais en 2021, 2022 e 2023.

Poderán ser beneficiarios desta liña de achegas os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro da orde de axudas de 2016 para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e sempre que non fosen beneficiarios da convocatoria destas primas nos anos 2019 e 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información