Próxima convocatoria de 4,4 millóns de euros en axudas da Xunta para elaborar e comercializar viño

Publicidade

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo este domingo en valor a próxima convocatoria de máis de 4,4 millóns de euros en axudas para fomentar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas. Lembrou ademais que esta mesma semana foron aprobadas polo Consello da Xunta “cun obxecto claro, o de mellorar o rendemento e a competitividade do sector”.

O conselleiro fixo esta valoración na súa intervención, esta mañá, na sesión solemne XXVII do Gran capítulo da confraría do viño do condado do Tea e espumosos, no marco da oitava edición da Festa do viño espumoso da denominación de orixe Rías Baixas, que se celebra en Salvaterra de Miño. Neste acto, José González reafirmou o apoio da Xunta aos consellos das producións de calidade de Galicia -entre elas o viño-, así como a tripla aposta do Goberno autonómico pola promoción e a protección desa calidade, en termos xerais, así como polo enoturismo, de xeito específico en relación co viño.

Orzamento para promoción

Así, en primeiro lugar, en relación coa promoción, o titular de Medio Rural remarcou o esforzo neste eido, que se materializará o vindeiro ano cunha nova achega de máis de 5,4 millóns de euros nos orzamentos do seu departamento. Uns fondos que -salientou- servirán para apoiar, de forma efectiva, a presenza dos produtos galegos en feiras nacionais e internacionais e para fomentar ciclos curtos e canles dixitais –de feito, destacou que xa está funcionando o marketplace “Experiencias de Calidade”. González explicou que estes recursos tamén se destinarán a potenciar o labor de promoción dos consellos reguladores e á realización de máis campañas de promoción das producións agroalimentarias da comunidade.

En segundo termo, sobre a protección, o conselleiro trasladou que os 36 selos de calidade diferenciada con que conta Galicia permiten protexer o produto de principio a fin, “garantindo a digna subsistencia do sector primario, nomeadamente do sector vitivinícola galego”. E engadiu que, neste contexto, a Xunta destinará no 2023 ata 1,5 millóns de euros en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas que estean asociadas a denominacións de orixe, protexendo así os viñedos do aumento dos fenómenos meteorolóxicos extremos.

A terceira aposta, segundo sinalou o conselleiro, ten que ver co impulso ao enoturismo, no marco da Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas, e contempla como obxectivo “a consolidación de Galicia non só como principal destino enoturístico, senón tamén como referente internacional de viños de calidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información