Próxima convocatoria das axudas para plantacións de frondosas e coníferas nos montes galegos

O Consello da Xunta avaliou a liña de subvencións para a plantación de piñeiros e frondosas autóctonas en terreos desarborados. Contemplan achegas para substituír brotes de eucaliptais

Próxima convocatoria das axudas para plantacións de frondosas e coníferas nos montes galegos

Plantación de piñeiros. // Foto de arquivo.

A Consellería do Medio Rural destinará preto de 8 millóns de euros ás axudas para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas en arredor de 4.000 hectáreas de monte galego. Segundo consta no informe avaliado polo Consello da Xunta esta semana, a convocatoria de achegas inclúe un importe concreto de 7,75 millóns de euros (2 millóns corresponden a este exercicio e os 5,75 millóns restantes a 2023).

A finalidade destas axudas, que se publicarán proximamente no Diario Oficial de Galicia, é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo o aumento da diversidade, a superficie forestal arborizada, ao tempo que se reduce o risco de incendios. Entre as coníferas que se promoven -subliña a Xunta- están o piñeiro silvestre e o teixo, mentres que entre as frondosas atópanse o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outras.

Substituír o eucalipto

Igual que nos últimos dous anos, na orde recóllese a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 centímetros de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas.

Na pasada convocatoria acolléronse a esta posibilidade 26 solicitantes (18 deles na provincia de Pontevedra), cun total de 128,11 hectáreas beneficiadas, cifra que supuxo multiplicar por catro a rexistrada en 2020.

Beneficiarios e accións subvencionables

Poderán beneficiarse destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, comunidades de bens ou montes de varas. Tamén as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal, que coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia poden solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, cos dereitos e vantaxes que implica esta figura. Tamén poden beneficiarse das achegas propietarios particulares de xeito individual.

Con estes fondos subvenciónanse os gastos de plantación forestal e a posta en marcha da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, a zona limpa de biomasa que protexe estas novas plantacións de posibles lumes. Inclúense tamén como subvencionables os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta.

Ademais, as superficies obxecto destas axudas teñen dereito a unha prima anual por hectárea para os custos de mantemento desas forestacións durante os seguintes cinco anos. Neste ano 2022 a convocatoria destas primas acadará os 4,5 millóns de euros.

Nos últimos seis anos, o número de beneficiarios destas convocatorias de axudas ascendeu a preto de 860 e as hectáreas forestadas con frondosas e coníferas en terreos non agrícolas superaron as 15.900 en toda Galicia. O orzamento disposto pola Xunta para estas forestacións roldou os 28,6 millóns de euros.

2 ideas sobre “Próxima convocatoria das axudas para plantacións de frondosas e coníferas nos montes galegos

  1. Marian Lorenzo

    Bos días estou interesada nesta convocatoria.
    Poderían avisarme cando salga?

    Gracias

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información