Próxima convocatoria das achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo

Publicidade
Próxima convocatoria das achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo

A Consellería do Medio Rural lanzará unha nova convocatoria das achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo co fin de adaptar as producións ás demandas de mercado. As axudas estarán dotadas cun orzamento de 4 millóns de euros, distribuídos en 2,7 millóns para o ano 2026 e os 1,3 millóns restantes para 2027.

De xeito concreto, as axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.

Coa súa aplicación favorécese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado, adaptando as producións á demanda ao tempo que se preservan as variedades da nosa comunidade.

Así mesmo, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitivinícola galego e poténciase a remuda xeracional. Poderán beneficiarse destas achegas aquelas persoas viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente.

A superficie total reestruturada ou reconvertida deberá ser, como mínimo de 0,2 hectáreas para aquelas solicitudes que se presenten de forma individual. Mentres tanto, para aquelas que sexan solicitadas de xeito colectivo, a dita superficie será de 1 hectárea. Neste sentido, as solicitudes individuais que formen parte dunha presentación colectiva terán que ter, como mínimo, 0,2 hectáreas. En todo caso, a superficie máxima elixible será de 5 hectáreas por persoa viticultora.

A axuda á reestruturación e reconversión só poderá concederse para operación relacionadas con replantacións con ou sen sistema de condución; para a reconversión de viñedos por cambios de variedade (sobreenxertado) ou para a mellora de técnicas de xestión, así como para a replantación de viñedos cando sexa necesario por motivos fitosanitarios por orde da autoridade competente.

Dende o ano 2018 o Goberno autonómico destinou algo máis de 20 millóns de euros a estas axudas, o que permitiu beneficiar 1.215 persoas viticultoras que puideron actuar en algo máis de 1.700 hectáreas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información