
Representantes da Fundación Juana de Vega e das administracións participaron no acto de presentación de SoutoLab
Baixo o título de SoutoLab, a Fundación Juana de Vega promove un proxecto innovador baseado na sustentabilidade e o emprendemento arredor da cultura da castaña en zonas rurais da provincia de Ourense. Para desenvolver a iniciativa contan coa colaboración dos Concellos do Barco de Valdeorras, Pobra de Trives, San Xoan de Río e Manzaneda.
Dende a Fundación sinalan que o que se pretende é “recuperar, valorizar e dinamizar os soutos tradicionais nas comarcas ourensás de Valdeorras e a Terra de Trives, combinando a conservación do patrimonio natural e cultural co impulso ao emprendemento e ao desenvolvemento sustentable no medio rural.”
Prevese a participación directa de máis de 220 persoas, especialmente mulleres, mozos e habitantes das aldeas, nun proceso colaborativo que xerará inventarios de patrimonio, modelos de negocio e ferramentas replicables noutros territorios rurais de Galicia.
O proxecto desenvolverase entre 2025 e 2027 nos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, e conta co respaldo da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, asociacións culturais e ambientais, cooperativas agroforestais, viveiros, universidades e plataformas tecnolóxicas como Aldealista.
O funcionamento de SoutoLAB vai ser o dun espazo de co-creación no que durante tres anos participarán as comunidades locais vencelladas o aproveitamento da castaña, os concellos, entidades públicas e privadas, asociacións, expertos e emprendedores para deseñar novas estratexias de aproveitamento social, económico e ambiental dos soutos.
Segundo Xosé M. Andrade, director da Fundación Juana de Vega “A cultura da castaña representa un patrimonio material e inmaterial que pode seguir sendo un elemento de dinamización económica, de cohesión social e de resiliencia territorial en zonas afectadas polo envellecemento e o despoboamento”.
O proxecto SoutoLAB estrutúrase en tres eixos principais:
• Preservación cultural: identificación e difusión do patrimonio vinculado á castaña, con especial protagonismo de mulleres e mocidade na transmisión interxeracional do saber.
• Impulso económico: apoio a emprendedores para a creación de novos modelos de negocio arredor do produto local, fomentando o emprego verde e a economía de proximidade.
• Sustentabilidade ambiental: xestión multifuncional do territorio co souto como infraestrutura verde fronte aos incendios forestais e aliada na adaptación ao cambio climático.
SoutoLab é un dos 7 proxectos galegos apoiados pola convocatoria 2025 da Fundación “la Caixa” “Acción social en el ámbito rural: Abordar el reto demográfico para frenar la despoblación”. As accións e fitos do proxecto difundiranse a través de medios locais, redes sociais e canles institucionais, e servirán de referencia para outras iniciativas centradas no desenvolvemento rural.
Galego









Control OJD