Os efectos do cambio climático fánse notar na agricultura, obrigando a evolucionar as metodoloxías empregadas para adaptarse ás novas condicións existentes. O cultivo de viñedos non é unha excepción, sendo necesario na actualidade aplicar rega na maioría destes cultivos para garantir a súa viabilidade, tendo sempre en conta as diferentes necesidades rexionais. Concretamente en Galicia, onde a dispoñibilidade de auga no verán é maior que noutras áreas de España, estáse comezando a aplicar métodos de rega puntuais ou para a aplicación de nutrientes (fertirrigación), resultando imprescindible o desenvolvemento de modelos de apoio á decisión para xestionar a rega de maneira eficiente. Para iso, empregan tecnoloxías que permiten coñecer as necesidades hídricas reais do viñedo, evitando o desperdicio de auga, un recurso cada vez máis valioso, e garantindo a máxima calidade do produto final.
Neste contexto nace o Grupo Operativo galego REGAVID, que creou un modelo que axuda aos viticultores galegos a tomar decisións informadas sobre cando e canto regar, considerando factores como as propiedades do solo, a variedade de uva e as condicións climáticas previstas. O proxecto conta cun orzamento de 180.000,00 € totalmente subvencionado, está liderado por Monet Viticultura e inclúe a participación de Bodegas Martín Códax, o grupo de investigación de Proxectos e Planificación (PROEPLA) da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).
O modelo desenvolvido en REGAVID avalía as características físicas do solo, a variedade de uva, a xestión do dosel vexetal, a presenza de cuberta vexetal, as particularidades do sistema de rega localizado e as predicións meteorolóxicas empregando intelixencia artificial. Para a programación da rega, calibráronse os coeficientes culturais, adaptados ao sistema da parcela de estudo, seguindo a metodoloxía Dual (FAO-56).
O estudo realizouse nunha parcela da D.O. Monterrei cultivada con variedade Godello no ano 2013 pola adega Martín Códax (lugar Bustelo, Vilardevós, Ourense), que utiliza un sistema de rega localizado con goteiros autocompensantes. Nesta parcela implementouse en 2022 un tratamento de seca e a rega habitual da adega, mentres que en 2023 establecéronse diferentes manexos de rega: o proposto pola adega, o baseado no modelo REGAVID e un tratamento control sen rega. Tomáronse mostras de solo que revelaron un solo franco limoso con pH de 5,6 e un 7,6% de materia orgánica. Tamén se mediu a condutividade eléctrica aparente do solo para avaliar a variabilidade espacial da parcela.
A medición continua do estado hídrico da planta e da auga no solo é crucial para un manexo adecuado da rega. Na parcela de Vilardevós, instaláronse sensores a tres profundidades e mediuse o contido de auga do solo, ademais de contadores volumétricos para rexistrar a auga aplicada en cada rega. Ademais, modeláronse as necesidades hídricas do cultivo e calibráronse os coeficientes de cultivo, medindo variables como a altura e anchura do dosel vexetal e os niveis de cobertura da cuberta vexetal en diferentes etapas de crecemento do cultivo, así como parámetros climáticos para calcular o balance de auga no solo. Esta modelización predictiva permitiu anticipar con unha semana de antelación os parámetros clave para o balance hídrico do solo, facilitando unha programación de rega axustada ás condicións climáticas locais.
Durante a campaña 2022 calibráronse os coeficientes de cultivo para a variedade Godello, obtendo valores medios de Kc de 0,85 (floración-envero) e 0,65 (envero-vendima), axustados ás condicións locais. Aplicáronse coeficientes de estrés (Ks) de 0,5 antes da floración e 0,25 despois dela. En 2023, validáronse estes coeficientes mediante a aplicación de doses de rega semanais segundo a modelización. O inicio e a dose de rega semanal programáronse segundo os valores de potencial e contido de auga do solo, así como a previsión meteorolóxica. Estableceuse un valor medio de -75 cbar para iniciar a rega, con regas realizadas dende o 27 de xuño ata o 4 de setembro. Observáronse diferenzas significativas no potencial de auga no solo e leves diferenzas na planta ao longo de 2023. Os tratamentos regados mostraron maiores producións debido a un maior peso medio do acio, sen presentar diferenzas significativas nos parámetros de calidade, aínda que o tratamento REGAVID mostrou maior acidez total en vendima.
A plataforma REGAVID, en fase beta, integra toda esta información para facilitar ao viticultor a toma de decisións baseadas en datos. Proporciona recomendacións semanais de rega, expresadas en tempos de rega, e agárdase que inclúa detalles do sistema de rega e sensores utilizados. Os sensores empregados permiten coñecer a dinámica da auga no solo e establecer umbrais para xestionar a rega, ofrecendo unha estratexia de rega deficitaria adaptada ao estado do viñedo e á temporada.