Proxecto piloto para o tratamento de enfermidades provocadas polo cambio climático no gando vacún

A organización de produtores de leite Ulega probará en explotacións do norte de España novas estratexias para enfrontar males como a lingua azul, que avanza cara a latitudes máis ao norte debido ao quecemento global

CASA DEVESA MONFORTE ventiladores

O aumento das condicións extremas dificulta a produción de leite en determinadas zonas. Na imaxe, ventilador instalado en Casa Devesa, una explotación ubicada en Monforte de Lemos.

A Unión Leiteira Galega (Ulega) porá en marcha un proxecto piloto para analizar cales son os efectos do cambio climático sobre as vacas de produción de leite e establecer que medidas se poden adoptar nas explotacións para mitigar os seus efectos.

O proxecto, financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Fundación Biodiversidade, denomínase VECTOCC, pois céntrase sobre todo naquelas enfermidades transmitidas por vectores dependentes do aumento da temperatura global ou o incremento dos fenómenos meteorolóxicos extremos como consecuencia do cambio climático.

O proxecto VECTOCC prepara novas armas contra as enfermidades do gando derivadas do quecemento global, tales como o incremento de infeccións respiratorias ou mamite

A iniciativa, que consta de dous anos de duración, atópase nunha fase inicial, segundo explica Noelia Gil, de Ulega, na que se trata de identificar as consecuencias do cambio climático sobre a sanidade animal e a produción de leite. Nesta primeira fase participan tanto gandeiros como veterinarios e expertos e investigadores en sanidade animal.

“Trátase de analizar e coñecer as evidencias técnicas actuais dos impactos do cambio climático nas enfermidades gandeiras producidas por vectores de transmisión, para o que se instalarán sensores e medidores nas granxas para poder cuantificar como lles afecta o cambio climático e analizar posteriormente se as medidas correctoras aplicadas funcionan e son viables”, indica.

Ensaios en explotacións

VECTOCC conta cunha segunda fase, na que se implementarán en distintas explotacións medidas correctoras para paliar estas consecuencias e analizaranse os seus resultados e eficacia, co obxectivo de establecer pautas de actuación e unha serie de recomendacións testadas coas que se pretenden desenvolver novas estratexias de loita contra aquelas enfermidades do gando vacún que veñen derivadas do cambio climático.

As medidas propostas serán probadas en explotacións de Galicia, Asturias e Cataluña

A innovación que supón este proxecto é que as medidas de adaptación poderanse testar in situ e en tempo real, en explotacións piloto. Isto permitirá a retroalimentación na elaboración da estratexia final. Esta transferencia e validación práctica realizarase en tres gandeirías de Galicia, Asturias e Cataluña.

As estratexias para adoptar en cada granxa dependerán das características de cada explotación, das recomendacións personalizadas que para cada unha delas realicen os distintos expertos e das condicións climáticas en cada rexión, pois estas varían, por exemplo, de Cataluña á cornixa cantábrica, segundo explica Noelia.

Medidas: desde melloras nas instalacións a cambios no manexo

O obxectivo final do proxecto VECTOCC consiste na elaboración dunha guía cunha serie de estratexias de adaptación e mitigación ao cambio climático asociadas a vectores de transmisión de enfermidades do gando vacún.

“Publicarase un manual con distintas medidas que estará dispoñible para que os gandeiros poidan implementalas nas súas granxas e desenvolveranse talleres prácticos para explicar como adoptar estes cambios”, detalla Noelia, que explica que aínda que o cambio climático afecta a todo tipo de explotacións, tanto de produción de leite como de carne, o proxecto está orientado a gandeirías lácteas porque “son as que máis se ven afectadas tanto en canto a produción como a calidade do leite”, explica.

Establecerase unha estratexia de adaptación e mitigación ao cambio climático, vinculada á problemática de enfermidades de transmisión vectorial que afectan o gando

Por iso, VECTOCC tratará de fortalecer e desenvolver capacidades para manexar os riscos sanitarios incrementados polo cambio climático, o cal favorecerá a sanidade e o benestar animal, reducindo a vulnerabilidade das explotacións.

As medidas correctoras irán, dependendo de cada caso, desde unha serie de melloras nas instalacións, como introdución de ventiladores ou cumios abertos para facer fronte ao incremento de enfermidades respiratorias e tensións por calor do gando, á introdución de protocolos máis estritos no muxido para facer fronte a problemas de mamite ou cambios de manexo como non amorear aos animais permitindo que dispoñan de máis espazo por cabeza.

“Existe risco de aparición de doenzas en latitudes moito máis ao norte do habitual”

O episodio de calor inusual vivido no pasado mes de febreiro, con temperaturas máis propias da primavera ou do verán que do inverno, deixou ao descuberto unha vez máis os efectos do cambio climático, unhas modificacións ambientais que están a introducir doenzas en latitudes moito máis ao norte dos lugares onde son endémicas.

“O cambio climático trae como consecuencia un incremento dos picos de fenómenos meteorolóxicos extremos aos que a vaca non está afeita, uns cambios bruscos e rápidos aos que ao organismo non lle dá tempo a adaptarse”, indica Noelia, que explica que o obxectivo do proxecto VECTOCC é precisamente mellorar o estado sanitario dos animais vacúns nas explotacións, grazas á aplicación de medidas de adaptación e mitigación, para controlar os vectores de transmisión vinculados ao cambio climático.

Ulega, a organización de produtores lácteos promovida por UUAA, foi creada no ano 2011 e conta na actualidade con 2.300 gandeiros adscritos negociando en conxunto un volume de 700 millóns de litros de leite

Estas alteracións poden incluír a aparición de novas síndromes e un cambio na prevalencia de enfermidades existentes, especialmente as que se transmiten por vectores. “Os vectores poden alcanzar novas áreas xeográficas estendéndose a áreas non inmunes. Ademais poden aumentar o seu período de actividade e/ou o seu período de transmisión, aumentando así o risco de aparición de enfermidades en latitudes moito máis ao norte do que se coñece actualmente”, explica esta técnico integrante do persoal de Ulega, a organización de produtores lácteos promovida no seu día polo sindicato Unións Agrarias (UUAA), que foi creada no ano 2011 e que conta na actualidade con 2.300 gandeiros adscritos negociando en conxunto un volume de 700 millóns de litros de leite.

Constatouse un lixeiro aumento da lingua azul que estaría relacionado co cambio climático pero non sabemos en que porcentaxe estaría motivado por este feito porque é algo que non está cuantificado

“A gandeiría está a sufrir moitas perdas por enfermidades transmitidas por vectores dependentes do cambio climático, por exemplo a lingua azul, pero tamén polo aumento das enfermidades respiratorias ou infecciosas e por afectacións como a mamite”, indica.

“Constatouse un lixeiro aumento da lingua azul que estaría relacionado co cambio climático pero non sabemos en que porcentaxe estaría motivado por este feito porque é algo que non está cuantificado, do mesmo xeito que o incremento de temperatura afecta á calidade do aire e á cantidade de partículas en suspensión, motivando maiores afeccións respiratorias, así como maiores niveis de estrés por calor do animal, o que afecta á produción e á calidade do leite”, detalla Noelia, constatando que “antes estas diminucións na produción dábanse só no verán, pero agora xa está a haber picos de calor noutras épocas do ano, como na primavera ou no outono”, asegura.

O aumento de temperatura afecta á calidade do aire incrementando as enfermidades respiratorias do gando e a variación brusca dos niveis de humidade condiciona as características das camas provocando mamite

Do mesmo xeito que a calidade do aire vese comprometida polo aumento de temperatura, as condicións de confort do gando tamén varían en función de que o fagan tamén as condicións atmosféricas. Así, as variacións de humidade provocan cambios nas condicións das camas das vacas, favorecendo a aparicion de mamite. “Os cambios meteorolóxicos bruscos cambian as condicións ambientais da granxa e modifican a calidade das camas das vacas, dado que a alta humidade sumada á temperatura favorece a proliferación de patóxenos”, explica Noelia Gil.

A cantidade e calidade da produción gandeira verase afectada, debido á convalecencia do gando, o seu sacrificio ou o seu illamento por medicación, comprometendo deste xeito a rendibilidade económica das explotacións e o benestar animal. As respostas a estes desafíos requiren desenvolver estratexias para fomentar a capacidade adaptativa, non só dos profesionais gandeiros, senón tamén dos servizos veterinarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información