Proxecto piloto no sur de Lugo para impulsar a creación de granxas de leite e de carne de ovino e caprino

A iniciativa, impulsada pola recén creada Fundación Alimentaria de Galicia (FAGA), pretende lograr o peche dos ciclos produtivos coa transformación da produción das granxas para a súa posta no mercado. Entrepinares, Naturleite e Megaro Foods mostraron o seu interese

Un momento do acto de presentación do proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA

Acto de presentación do proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA

O Parador de Monforte de Lemos acolleu a presentación dun proxecto piloto para acadar o peche de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, denominado Proxecto Rumiantes ou PRALEITE.

O proxecto foi presentado no foro Nacer e Medrar, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e o intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario.

Jaime López, como secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e de FAGA, e José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo, foron os encargados de presentar o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no sector agroalimentario galego e no impacto que esto pode ter na loita contra a despoboación. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio ca mirar cara o rural”, e de José Tomé, “producimos pero non transformamos, e eso é unha pena; temos unas materias primas e uns produtos boísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido se quede en Galicia”.

Estúdase a ubicación da primeira granxa deste tipo na zona sur de Lugo de cara a comprobar os resultados do estudo previo realizado antes de tratar de expandir o modelo por toda Galicia

Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos rumiantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José María González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudo de campo en Galicia e de desenvolver o proxecto Rumiantes ou PRALEITE (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos rumiantes de aptitude leiteira en zonas rurais do sur da provincia de Lugo).

Interese da industria

González Sainz presentou o proxecto a veterinarios, produtores integrados en OVICA e empresas transformadoras con interese na producción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entroutros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Suministros Megaro Foods, Entrepinares ou Galacteum.

O proxecto xorde precisamente “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace coma un proxecto subvencionado, senón que somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade”. “Este interese é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudo especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”, subraiou.

Somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade

A realización do estudo técnico supuxo a visita a explotacións gandeiras por toda Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas desaproveitadas, e a posterior definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ás de gando vacuno, enfocadas especialmente para producción de leite, aínda que se aproveitaría tamén a carne, un tipo de explotación que nestes momentos practicamente non existe en Galicia.

A fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido no proxecto PRALEITE estudáronse a fondo distintas vertentes: as necesidades de inversión e financiamento, número máximo de animais que se poidan atender para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotacións, así como investigación e innovación, ratios de rendabilidade e xeración de emprego, entre outros aspectos. Estúdase agora a ubicación da primeira granxa deste tipo de cara a comprobar os resultados do estudo e expandir o modelo por toda Galicia.

Importación de leite de Castela e animais de desvelle de Extremadura

No Foro tamén interviron, tras a presentación do proxecto, Luis Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Suministros Megaro Foods S.L., Santander Agro e a consultora de innovación Medrar.

Dende OVICA resaltaron que PRALEITE é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudiadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.

Na actualidade en Galicia hai moi poucas ganderías adicadas á produción de leite de cabra e ovella

Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na producción deste tipo de explotacións de poñérense en marcha, pois compañías como Entrepinares, Queserías Sarrianas ou Megaro Foods están traendo para transformar leite e carne de ovino de fóra de Galicia, tanto para a fabricación de queixo como para a exportación de carne de cordeiro.

Pola súa banda, Naturleite, pertencente á cooperativa Covap e con planta en Meira, envasa leite de cabra e no polígono industrial de Reboredo, en Monforte, ubícase tamén Oviganic Ibérica, propiedade da compañía chinesa Yeeper Dairy, que procesa leite de cabra procedente de explotacións de Castela para fabricar produtos derivados destinados a alimentación infantil. Precisamente este interese da industria, que garantizaría a compra de toda a producción deste tipo de explotacións que se ubicasen en Galicia, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan dende FAGA.

Obxectivo: poñer a producir terreos en abandono e obter materia prima para a industria

Detras deste proxecto piloto para o desenvolvemento do sector ovino e caprino galego está a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), constituida en xaneiro desde ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Suministros Megaro Foods e Embutidos Montepicato. 

Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.

A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) está impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo

Asemade, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego.

Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendimiento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas Administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e pór a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos.

Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información