Saltou a sorpresa. Á xa agardada zona vulnerable a nitratos (ZVN) da comarca da Limia (Ourense), a Xunta proxecta engadir outras cinco adicionais na provincia da Coruña. Así llo transmitiu hoxe a Consellería do Medio Rural ós alcaldes da provincia que se verían afectados durante unha reunión celebrada na Coruña.
A medida plantexada, de levarse á práctica, suporía un importante pau para comarcas gandeiras do interior da provincia ligadas á produción láctea, como é o caso do concello de Zas (Terra de Soneira), Trazo e Tordoia (Tambre) ou Santiso e Melide (Ulla), áreas nas que se proxectan tres das cinco zonas vulnerables a nitratos (ZVN) da provincia.
A declaración dunha ZVN limita o abonado de nitróxeno a 170 Kg. por hectárea e ano, un límite que no sector se ve inviable para parcelas que con frecuencia teñen dous cultivos anuais en rotación (herba e millo).
En zonas leiteiras, o sector ve inviable un límite de 170 Kg./ hectárea de nitróxeno para parcelas que con frecuencia teñen dous cultivos ó longo do ano (herba, con varios cortes, e millo)
Motivación
A Consellería do Medio Rural culpa das zonas vulnerables proxectadas ao mapa publicado en maio do 2022 polo Ministerio de Transición Ecolóxica sobre áreas afectadas por contaminación difusa. Aquel mapa, elaborado en base ós resultados das estacións de control de augas, marcaba ‘a grosso modo’ puntos de contaminación en practicamente todas as rías da comunidade (Pontevedra, Arousa, A Coruña, etc.) e moi especialmente na de Vigo, así como seis incidencias no interior galego (A Limia, en Ourense, e as cinco zonas da Coruña nas que agora se proxectan zonas vulnerables).
En puntos costeiros como o da Ría de Vigo, a responsabilidade da contaminación apunta en exclusiva ás augas residuais urbanas, en tanto noutros puntos barállase unha contaminación mixta, das augas residuais urbanas e da actividade gandeira.
Para os puntos fixados no interior galego, ubicados en encoros, augas subterráneas ou superficiais, a responsabilidade tampouco semella sempre clara, pois nunha das zonas vulnerables proxectadas, como é a de Ferrolterra (Moeche, San Sadurniño e Valdoviño), a gandería máis característica é a semiextensiva, con pouca presenza de granxas intensivas.
Algo similar sucede noutra das zonas, no entorno da Coruña (Cerceda, Carral, Abegondo e Oza-Cesuras), con concellos como Carral ou Oza-Cesuras con escasa actividade gandeira.
Orixe dos puntos e busca de solucións
Entre os Concellos afectados que estiveron na reunión de hoxe, hai conciencia sobre a necesidade de garantir unhas augas de calidade, pero tamén hai decepción pola proposta de zonas vulnerables da Administración autonómica, pois pénsase que se carece dunha axeitada identificación da orixe do problema en cada comarca , así como das zonas que se deben de ver afectadas por unha posible declaración, segundo manifestan fontes presentes no encontro.
Outro dos aspectos que se cuestionan é que a Xunta agardara ata o último momento para tomar esta medida, sen un plan previo que abordase o problema para tratar de evitar a declaración de zonas vulnerables.
Medidas a contrarreloxo
O proxecto de declaración de zonas vulnerables a nitratos que anuncia agora a Xunta chega ao borde do tempo de desconto. Desde maio do 2022, a Xunta tiña un prazo de tres anos para que as zonas marcadas como afectadas por contaminación difusa se designasen como zonas vulnerables a nitratos.
O Real Decreto 47/2022 establece que desde que unha zona é identificada como afectada por contaminación difusa, hai un prazo de tres anos para designar como zona vulnerable a nitratos “todas as superficies coñecidas do territorio cuxa escorrentía flúa” cara as augas que se marcaron como afectadas por contaminación difusa.
En setembro do 2022, cando no Parlamento se debatiu a situación da Limia, o grupo popular xa avanzara que a súa vontade era retrasar a declaración da ZVN da Limia ó 2025, pero daquela nada trascendeu sobre o proxecto para declarar zonas vulnerables adicionais na provincia da Coruña.
O anuncio chega agora, con menos de 3 meses de prazo para a declaración, un escenario para o que xa se anticipa un forte rexeitamento das granxas e do conxunto do agro. Medio Rural ten prevista unha reunión para abordar a situación coas organizacións agrarias e as cooperativas o próximo luns 3 de marzo, un encontro que se presume caldeado.

Imaxe da reunión da Xunta cos alcaldes dos concellos afectados na Coruña polo proxecto de Zonas Vulnerables.
Economía circular
Desde a Xunta, pola súa banda, están insistindo nas reunións cos alcaldes na oportunidade que representa a declaración das ZVN para gañar en calidade das augas e para avanzar cara a unha economía circular que inclúa a derivación de xurros a plantas de biogás, para producir enerxía.
Outro dos proxectos de Medio Rural é a creación dun selo de gandería sostible para identificar ás granxas que queiran certificar unha correcta xestión dos xurros.