Proxectan unha investigación sobre como reducir a reprodución da rata toupa

Proxectan unha investigación sobre como reducir a reprodución da rata toupa

Danos da praga nunha pradeira. / Arquivo.

A praga da rata toupa, que afecta a concellos do interior de Lugo da contorna de Triacastela e Becerreá, continúa sen ter unha solución sinxela. A Consellería do Medio Rural sinala que segue a avaliar posibles medidas contra a especie, que está a causar danos en arredor de 1.600 hectáreas de prados e hortas. Entre tanto, para buscar solucións no medio prazo, anúnciase unha investigación sobre como reducir a reprodución da especie.

O proxecto de investigación, segundo sinala a Consellería do Medio Rural, formalizarase a través dun convenio co Campus de Lugo (Universidade de Santiago), co Ministerio de Agricultura e cos gobernos das comunidades de Asturias e Cantabria. O obxectivo é buscar fórmulas que permitan controlar a poboación de exemplares de rata toupa. En concreto, investigarase como incidir na intensidade de reprodución desta especie.

Mentres, na busca de solucións máis inmediatas, técnicos da empresa Tragsa iniciaron meses atrás un plan piloto de trampeo, por encargo da Xunta, pero a Administración autonómica, consultada ao respecto, sinala que aínda non tomou unha decisión sobre a posibilidade de estender o trampeo. A Consellería precisa que se están a avaliar posibles medidas, “sempre de acordo coa normativa vixente e respectando tanto a actividade gandeira como o medio natural”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información