As tres feiras semanais de referencia en Galicia, as de Silleda, Amio e Castro Ribeiras de Lea, que retoman esta semana a compra-venda de gando nas súas instalacións, farano con cambios a respecto do seu funcionamento habitual. Así será a nova normalidade nos mercados de gando.
Ademais das normas xerais de carácter sanitario fixadas para o conxunto da poboación como consecuencia da pandemia de Covid-19, a Xunta de Galicia e os titulares das instalacións nas que se desenvolven os mercados estableceron protocolos a seguir tanto polos traballadores das propias feiras como por parte dos operadores que acudan co seu gando trala publicación o venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da Consellería do Medio Rural levantando a suspensión da celebración dos mercados de gando en toda Galicia.
As medias fan fincapé en evitar as aglomeracións limitando o número de asistentes, aumentar o distanciamento entre as persoas participantes e incrementar a limpeza e desinfección tanto das zonas comúns como dos lugares de carga ou amarre de animais.
En ningún caso poderán acceder aos recintos persoas que non vaian realizar algún tipo de transacción comercial
Permítese unicamente a asistencia de operadores comerciais, transportistas ou gandeiros, que deberán ir acompañando aos animais obxecto de venda. En ningún caso poderán acceder aos recintos persoas que non vaian realizar algún tipo de transacción comercial e os distintos operadores deberán acreditar a súa condición.
As operacións de carga e descarga de gando faranse escalonadamente para evitar a confluencia de persoas nos peiraos de carga. As tarefas veterinarias cos animais por parte do persoal técnico da Xunta de Galicia faranse preferiblemente sen a presenza de usuarios e as oficinas veterinarias estarán dotadas de biombos que eviten o contacto no momento da entrega da documentación.
Silleda arrinca con cupo de gando e poxa telemática
A Central Agropecuaria de Galicia reabrirá mañá aplicando cotas máximas de gando, que teñen como finalidade evitar aglomeracións mentres dure a crise sanitaria da Covid-19, e diversos sistemas telemáticos para as transaccións, que terán carácter permanente unha vez levantado o estado de alarma, para axilizar o traballo do mercado como substituto das poxas cantadas con soporte de vídeo que viñan sendo habituais.
Así, mentres o esixa a situación xerada polo coronavirus, todos os usuarios que acudan a Silleda (gandeiros, transportistas e tratantes) deberán preinscribir os animais que levarán ao recinto con anterioridade á poxa, para o que deberán comunicar o número de reses a través da web, correo electrónico, whatsapp ou a aplicación TokApp.
Aínda que a data límite establecida para a preinscrición é o venres anterior á poxa ás 12.00 horas do mediodía, de forma excepcional e sempre que non estea cuberto o número máximo de animais, nesta primeira poxa poderán acceder ata as 02.00h do martes usuarios que non fixesen a preinscrición.
O límite de cabezas en Silleda serán 1.320: 800 becerros, 170 tenreiros carniceiros e 350 vacas
Neste sentido, mentres non se normalice a situación, a Central Agropecuaria de Galicia fixou un número máximo de 1.320 cabezas de gando por sesión, das que 800 serán tenreiros de recría, 170 tenreiros carniceiros e 350 vacas.
O número de reses que pode introducir cada usuario estableceuse, no caso de tratantes e transportistas, segundo os límites de cotas determinadas previamente para eles. En canto a gandeiros particulares, poderán introducir reses ata que se alcance a capacidade fixada para a feira. En caso de alcanzarse terase en conta a data e hora de solicitude, dando resposta ese mesmo día. Os gandeiros cuxa solicitude fose denegada poderán requirir nese momento manter a preinscrición para a semana seguinte.
O sistema de poxa telamática substituirá a partir de agora ás poxas cantadas
Ademais, o mercado introduciu un sistema telemático para comunicarlle aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes acudan ao recinto. Tamén pretende evitar a concentración de asistentes durante esta crise sanitaria, pero ademais, co obxectivo de axilizar o mercado, implantarase con carácter permanente a partir de agora en substitución das poxas cantadas. Este sistema contará con dous medios para a difusión dos resultados das poxas da Central, a súa web e a aplicación TokApp.
A estes cambios na Central Agropecuaria de Galicia tamén se engadirán modificacións nos horarios, tanto de recepción de animais e de documentación sanitaria como de inspección e valoración das reses de cada categoría. En canto á entrada de gando, xa nesta primeira poxa realizarase entre as 15.00 horas do luns e as 02.00 horas do martes, non admitíndose a recepción de reses fóra deste horario.
Todas estas modificacións realizadas na Central así como outras medidas, como medición de temperatura á entrada ou fixación dun único sentido de circulación dentro das naves, poden consultarse en detalle na súa web.
Máis información: