Protocolos para granxas con positivos por coronavirus

Coñecemos as posibilidades que hai para manter activas granxas de leite ou de carne afectadas por coronavirus

Protocolos para granxas con positivos por coronavirus

Son coñecidas as medidas de prevención fronte ó coronavirus aconselladas pola Xunta para as explotacións agrarias, pero no sector non está claro que facer se se dá un positivo nunha granxa. É outro escenario distinto no que hai que conxugar dous factores, a continuidade da actividade da gandería co illamento da persoa afectada e a posible corentena de persoas próximas. Desde Unións Agrarias, dada a expansión de casos de coronavirus en toda Galicia, reclamaron esta semana un protocolo para situacións así.

Explicamos como se debería actuar en ganderías de leite, en función das recomendacións vixentes de Sanidade e de como están traballando no sector lácteo de grandes países produtores como Estados Unidos ou Australia. Tamén repasamos ao final o protocolo aconsellado para granxas de porcos pola Asociación Nacional de Productores de Porcino.

Que deben facer os contactos dunha persoa positiva por coronavirus?

As recomendacións refírense a contactos estreitos, é dicir, a persoas que nas anteriores 48 horas ó caso positivo, permaneceron no mesmo espazo a menos de 2 metros durante máis de 15 minutos. O Goberno aconsella que estas persoas queden en corentena, no seu domicilio, ata 14 días desde o último contacto coa persoa positiva.

En Asturias, estipulouse que só unha PCR negativa do contacto estreito, realizada polo menos 10 días despois da data do último contacto co caso, permite finalizar a corentena antes de tempo, pois os resultados dunha PCR inicial negativa non se consideran fiables.

A primeira recomendación, por tanto, é a de ter o mínimo número de contactos estreitos na granxa, se ben iso é complicado en operacións que ás veces adoitan realizarse de xeito conxunto, como o muxido.

Recomendacións en Estados Unidos
En Estados Unidos, quedou estipulado que ás persoas que desempeñan funcións en infraestruturas críticas, as autoridades sanitarias poderían, a discreción, permitirlles continuar no seu posto de traballo logo dun contacto próximo cun afectado, sempre e cando non teñan síntomas. O persoal ó que se lle permite traballar despois dunha exposición debe autocontrolarse, con medición da temperatura antes de cada turno de traballo, e ser supervisado polo seu empregador.

Plan de traballo con persoal reducido

A Federación Nacional de Produtores de Leite de Estados Unidos recomenda que cada gandería prepare un plan de emerxencia, no que, necesariamente, hai que ofrecer a información pertinente e indicar os pasos a seguir para garantir o funcionamento de toda a gandería.

Os protocolos deben estar escritos e compartirse co persoal necesario en caso de emerxencia.

Se o persoal dunha granxa se viu afectado e non se pode contratar ou capacitar a empregados adicionais de xeito oportuno, a recomendación é centrarse en manter as tarefas esenciais. Por exemplo, algunhas tarefas que deben continuar son a alimentación do gando, o muxido e o acondicionamento das camas do gando.

Outras tarefas que deberían continuar pero que poderían considerarse para un horario reducido, se fose necesario, son as correspondentes ó programa de reprodución ou traballos de mantemento programados.

É preciso facer un adestramento cruzado das persoas que traballan na granxa, a fin de que poidan facerse cargo de traballos que non viñan asumindo de xeito habitual.

Se un propietario enferma, debe depender por completo das comunicacións remotas para manter as operacións na granxa. Un empregado da gandería deberá entón asumir temporalmente responsabilidades administrativas ou tamén poden valorarse outras opcións externas se a persoa infectada enferma demasiado como para manexar a gandería de xeito remoto.

Pautas de limpeza e desinfección tras un caso por coronavirus

Tan axiña como se identifica a unha persoa traballadora positiva por coronavirus ou que ten síntomas asociados, hai que limpar e desinfectar as instalacións.

O protocolo recomendado para limpeza e desinfección inclúe cuestións como as seguintes:

  • Use luvas desbotables para limpar e desinfectar.
  • Limpe as superficies de zonas comúns con auga e xabón. Logo use un desinfectante (A limpeza con auga e xabón reduce a cantidade de xermes e suciedade. A desinfección mátaos).
  • Limpe os obxectos que se tocan con frecuencia (picaportes, interruptores, grifos, aseos, volantes e tapicería de maquinaria agrícola, etc.) ou apeiros comúns. É recomendable a súa limpeza e desinfección antes de cada uso, tendo en conta cuestións de sentido común, coma non mollar instalacións eléctricas. Para dispositivos electrónicos (pantallas táctiles, teclados, tablets) pódense usar toallitas a base de alcohol ou empapadas nun aerosol de hidroxel desinfectante.

Máis información
Recomendacións para granxas familiares con positivos por coronavirus.

Tres escenarios en granxas porcinas

A Asociación Nacional de Produtores de Porcino (Anprogapor) propón un protocolo que ofrece tres alternativas para o caso dun positivo de coronavirus nunha granxa.

Opción 1) Escalonar traballadores por departamento
Esta opción permitiría que se enferma un traballador, só se vexan afectados pola corentena o resto de integrantes do grupo, mantendo o resto de grupos operativos.

Trataríase de establecer grupos de traballadores (ou traballadores individuais) por área da granxa. Os grupos deben conformarse de tal xeito que non haxa contacto entre eles e haxa separación suficiente.

A maiores, recoméndanse horarios escalonados de entrada e saída, así como a limpeza e desinfección do vestiario entre grupos de traballadores.

Á hora do almorzo ou da comida, en caso de que sexan en zonas comúns, cómpre separar horarios entre cada grupo e limpar e desinfectar tralo uso.

As comunicacións internas serán preferiblemente telemáticas.

Cando haxa que facer traballos conxuntos, como conducir animais entre áreas, hai que determinar ata onde poden chegar os traballadores que envían os animais e os que os reciben para que non se produza contacto a menos de 3 metros ou cunha separación física de por medio.

Opción 2) Turnos de mañá e tarde
Pódense establecer turnos de mañá e tarde, cunha hora de separación entre eles. Tras un turno, límpanse e desinféctanse as zonas comúns. Esta opción permite que unha posible corentena só afecte a un dos turnos, permitindo que o outro siga facendo as tarefas fundamentais.

É posible que un 70% da plantilla estea de mañá e un 30% de tarde (tipo retén de tarde ampliado).

Opción 3) Plantilla flotante
É unha opción complicada de implementar, pero sería das poucas opcións dispoñibles se todo o persoal dunha granxa cae afectado. Consistiría en dispoñer de traballadores doutras granxas próximas que poidan asumir as funcións de alimentación e mantemento dos animais ata a reincorporación da plantilla.

En función do tamaño da empresa, determinaríase o persoal móbil, é dicir, o que en circunstancias excepcionais podería encargarse do coidado de animais doutra granxa.

A complicación é que calquera persoa allea a unha gandería non está familiarizada co seu funcionamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información