Protestas xeralizadas contra Mercosur, para o que se anuncian máis controis en fronteira

Lugo, Ourense ou Santiago foron algúns dos puntos de mobilización en Galicia contra o acordo de Mercosur, nunha xornada na que se desenvolveron marchas en toda España

Protestas xeralizadas contra Mercosur, para o que se anuncian máis controis en fronteira

Gandeiros e agricultores de toda España mobilizáronse contra o Mercosur nunha xornada de protestas unificada, co apoio de todas as organizacións agrarias e asociacións de produtores. En Galicia, as principais mobilizacións desenvolvéronse en Ourense, Lugo, esta a cargo de Agromuralla, e Santiago, nunha concentración do Sindicato Labrego.

Entre tanto, a Comisión Europea puxo en marcha un grupo de traballo esta semana para o reforzo dos controis en fronteira dos produtos agroalimentarios importados. O obxectivo é centrarse na seguridade alimentaria e dos pensos, con vixilancia de cuestións como os residuos de plaguicidas.

A este respecto, o ministro de Agricultura, Luis Planas, que se desprazou esta semana a Bruselas, propuxo que na normativa sobre importacións se exclúan os alimentos producidos con sustancias activas fitosanitarias prohibidas en Europa, que pasarían a ter un límite de residuos cero.

Son avances que en todo caso non contentan ó campo, como sei viu nas protestas de onte, nas que se calcula que máis de 25.000 agricultores e gandeiros saíron á rúa en toda España.

Mobilización de Agromuralla en Lugo, con centos de produtores.

Mobilización de Agromuralla en Lugo, con centos de produtores.

En Santiago, o Sindicato Labrego mobilizouse diante do Centro Comercial As Cancelas (Santiago de Compostela), reclamando a non aplicación do tratado UE-Mercosur e exixindo que a alimentación quede fóra deste acordo.

Durante a mobilización en Compostela, os concentrados acudiron ao establecemento do Carrefour, situado no interior das Cancelas, e pegaron adhesivos nalgúns dos produtos que veñen de fóra da nosa terra, como pode ser a mel, froita, carne etc. A frase que quedou pendurada nestes alimentos foi: “A alimentación fóra do tratado UE Mercosur”.

“Queremos visibilizar como afecta á persoa consumidora os tratados de libre comercio”, sinalou Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG. “Temos aquí un mel que mercamos no Carrefour das Cancelas que é un claro exemplo de como se manipula ás consumidoras para facer pasar por produtos do Estado español un produto que realmente vén de fóra. Por unha banda lemos que o mel é envasado nos Pireneos e pola parte de atrás pon a orixe real que é Ucraína e Arxentina”, cuestionou.

“Engáñase ós consumidores. Acabamos de mercar un mel que pon envasado nos Pirineos e por atrás les a orixe e resulta que é de Arxentina e Ucraína”

“Desta maneira introdúcense os produtos que veñen de fóra, moitas veces sen as garantías que se nos esixen ás produtoras que temos aquí, e é un claro exemplo de como se usa a publicidade enganosa para vender produtos de fóra mentres se rebentan as producións que temos aquí no territorio”, denunciou o apicultor.

SLG_Compostela2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información