Protestas gandeiras e denuncias na conta atrás da baixada do leite

O Sindicato Labrego mobilizouse hoxe en Vilalba e presentou unha denuncia ante a Agencia de Información y Control Alimentarios (Aica) e ante Competencia. Unións Agrarias presentou unha denuncia ante Fiscalía por considerar que existen feitos “delictivos” na baixada de prezos e nas importacións de leite e posterior envasado

Protestas gandeiras e denuncias na conta atrás da baixada do leite

Concentración hoxe en Vilalba do Sindicato Labrego ante a planta de Lactalis. / Cedidas.

O 1 de abril entrarán en vigor os novos contratos do leite que, se non hai cambios sustanciais, virán acompañados de importantes baixadas de prezo, no entorno dos 5 – 8 céntimos, en función da industria e das primas complementarias que perciba a granxa. Estes últimos días de conta atrás, as organizacións agrarias tratan de presionar con protestas e denuncias para lograr unha suavización das baixadas de prezo.

Así, o Sindicato Labrego desenvolveu hoxe unha protesta en Vilalba, ante a planta de Lactalis, para pedir que as industrias lácteas reconsideren as súas ofertas. A organización agraria advirte de que nun momento de suba dos custos de produción, será preciso que as industrias lácteas moderen as súas propostas de contratos á baixa, pois doutro xeito considera que queda comprometida a Lei da Cadea Alimentaria.

A organización anunciou precisamente que vén de poñer unha denuncia administrativa ante a Agencia de Información e Control Alimentarios (Aica) para que proceda a tomar medidas: “Salientamos a necesidade de afondar nos mercanismos de control e establecemento de custos de produción. A lei é pouco concreta e a iso hai que sumarlle a pouca vontade política de poñer en marcha ferramentas para o control de custos e que non haxa contratos por baixo deles”, cuestiona a organización agraria.

Protesta do Sindicato Labrego hoxe en Vilalba.

Protesta do Sindicato Labrego hoxe en Vilalba.

O Sindicato Labrego chama a Xunta e Ministerio a adoptar medidas para frear as baixadas de prezos propostas polas industrias.

Denuncia ante Fiscalía
Por parte de Unións Agrarias, que nos últimos días desenvolveu accións de protesta ante a distribución y ubicó piquetes de control ante las industrias, esta mañá presentouse unha denuncia na Coruña ante a Fiscalía. “Estamos ante un movemento orquestado de descenso de prezos do leite que contén feitos delictivos”, valorou Óscar Pose, de Unións Agrarias.

“Estas últimas dúas semanas tivemos piquetes de control ante practicamente tódalas industrias lácteas de Galicia e vimos que en practicamente todas entraban cisternas de leite de fóra, nalgúns casos puidemos comprobar a carta Cmr do transportista e noutros casos en que non tivemos esa colaboración, comprobamos a importación pola matrícula do veículo”, detallou.

“Os datos cos que traballamos indican que esta entrada masiva de leite faise a prezos por baixo dos do mercado, de xeito que estariamos ante unha competencia desleal. Nós non podemos pedir prezos dos contratos de suministro das industrias, pero a Fiscalía pode facelo” -valora Pose-. “Tamén fixemos constar na denuncia unha situación de probable engano ó consumidor, ó envasar o leite con marcas en galego e envases que fan pensar ó consumidor nunha procedencia galega do leite”, cuestiona Pose.

Presentación da denuncia de Unións Agrarias ante a Fiscalía.

Presentación da denuncia de Unións Agrarias ante a Fiscalía.

Unións lembra que hai marcas que nos últimos meses se retiraron do selo de garantía ‘Galega 100%’, o que fai acender as alarmas

Próxima reunión da Xunta coas cadeas de supermercados
Por parte da Xunta, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que a pasada semana mantivo unha reunión coas industrias lácteas, reunirase esta semana coas cadeas da distribución comercial. Esta mañá mantivo ademais un encontro de traballo con Asaga, organización agraria coa que valorou o actual escenario de renovación de contratos do leite nas granxas. Para a tarde está prevista unha reunión similar con Agromuralla en Lugo.

Medio Rural subliña que a está a intensificar os controis para vixiar que o proceso de sinatura de contratos respecte a lexislación vixente, así como para verificar a trazabilidade do leite e detectar posibles incumprimentos no etiquetado en relación a súa orixe.

Medio Rural manterá unha reunión esta semana coas cadeas de distribución e segue a súa ronda de contacto coas organizacións agrarias por Asaga e Agromuralla

A Consellería considera ademais que a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia debería abordar a situación de excedentes lácteos que están entrando doutros países nas industrias galegas.

Reunión da Consellería de Medio Rural con Asaga.

Reunión da Consellería de Medio Rural con Asaga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información