Protestas en Bruxelas contra a desregulación do sector lácteo

O Sindicato Labrego apoia a protesta da Coordinadora Europea Vía Campesina e da European Milk Board, que se posicionan en contra da liberación no mercado do leite en po intervido durante o último ano e medio

Protestas en Bruxelas contra a desregulación do sector lácteo

Protestas en Bruxelas de Vía Campesina e da EMB.

Dúas coordinadoras gandeiras europeas, Vía Campesina, na que participa o Sindicato Labrego, e a European Milk Board, na que está a Organización de Productores de Leche (OPL), fixeron unha protesta simbólica en Bruxelas con motivo da celebración do Consello de Ministros de Agricultura da UE. Os gandeiros opóñense á desregulación que sufriu o sector lácteo e piden medidas públicas para controlar o mercado.

O Sindicato Labrego, que apoia as protestas, considera que as medidas de desregulación do mercado (fin das cotas, baixada dos prezos de intervención, etc.) só benefician ás industrias lácteas e á gran distribución, en tanto que as granxas vense perxudicadas por situacións de sobreprodución e de caídas de prezos.

Esa situación de crise no campo explica que na actualidade a Comisión Europea acumule 360.000 toneladas de leite en po, intervido no último ano e medio a 21 céntimos (por litro de leite equivalente) para tratar de aliviar o mercado.

A intención da Comisión Europea de sacar o leite en po intervido ó mercado suscita as críticas do sector, pois enténdese que a situación de crise non pasou, polo que non é tempo de devolver as existencias intervidas ó mercado.

Proba de que continúan as dificultades é que en decembro, a Comisión tratou de vender 20.000 toneladas de leite en po pero só puido colocar o 1% de tal cantidade.

Análise do paquete lácteo
Entre tanto, o Consello de Ministros de Agricultura analizou como marchan as medidas derivadas da implantación do paquete lácteo, tales como a posta en marcha de organizacións de produtores (Ops). En xeral, a Comisión valora que a maioría das Ops están servindo para as funcións para as que foron creadas, tales como negociación coas industrias ou xestión da oferta. Non é o caso de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información