As protestas do agro contra o Mercosur caldéanse ante a inminente sinatura do acordo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e as Deputacións de Lugo e Ourense manteñen reunións cos mobilizados. Agromuralla e Gandeiros Galegos de Suprema acusan de “cinismo a PP e PSOE”, pois din que “apóiannos en Galicia e véndennos en Bruxelas”. As organizacións agrarias estatais anuncian protestas para o 29 de xaneiro

As protestas do agro contra o Mercosur caldéanse ante a inminente sinatura do acordo

Incrementar os controis ante o acordo entre a Unión Europea e o Mercosur. Ese foi o compromiso expresado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en senllas reunións mantidas en Ourense e Lugo, a primeira onte con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG), e a segunda hoxe con Agromuralla e Gandeiros Galegos de Suprema.

Gómez, tamén explicou a estratexia do seu departamento para aumentar a promoción dos produtos galegos en xeral e daqueles de calidade diferenciada en especial. A tal fin, vanse manter encontros cos representantes da distribución, como parte esencial da cadea de valor.

Paralelamente ao aumento dos controis, Gómez remarcou a importancia de intensificar as inspeccións na fronteira, algo que compete ao goberno central. Respecto das cláusulas de salvagarda sinalou que “son imprescindibles para a Xunta de Galicia, que se deben garantir en todo momento no acordo, e por iso tamén se segue instando ao Goberno de España a defender de xeito máis esixente este punto.”

Abondando no acordo co Mercosur, a conselleira volveu esixir que “calquera produto que entre en España cumpra os mesmos requisitos sanitarios que xa cumpren os produtores da Unión Europea, que a maiores teñen outras garantías de calidade e sustentabilidade que lle aportan un valor diferencial aos produtos.”

XUNTA GANDEIROS OURENSE

Estratexias ante a PAC

Sobre a Política Agraria Común (PAC), Gómez coincidiu cos membros da ASPG na necesidade de reducir a burocracia e de simplificar esta política e, de cara á PAC posterior a 2028, reiterou que “a proposta da Comisión Europea non é boa para o sector primario galego, xa que supón un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais que blindan non só as axudas directas, senón tamén as partidas de desenvolvemento rural.”

Na sanidade animal -coa aparición de doenzas novas nos últimos dous anos- Gómez incidiu no compromiso para manter “o excelente status sanitario da cabana gandeira galega”. En relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), puxo o acento na mensaxe de tranquilidade ao sector, lembrando que en España esta doenza só está presente na provincia de Girona.

A conselleira volveu reclamar ao Ministerio “unha maior coordinación a nivel nacional, para impulsar medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades. Tamén, que lidere no marco da UE unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva, que solicite o cambio de categoría da enfermidade (rebaixándoa de categoría A) e que contemple indemnizacións contundentes para os gandeiros afectados”. E asegurou que, no caso de detectarse algún caso desta enfermidade en Galicia, a Xunta conta xa cun plan de actuación elaborado.

Reunión da conselleira con Gandeiros Galegos de Suprema e Agromuralla.

Reunión da conselleira con Gandeiros Galegos de Suprema e Agromuralla.

Reunións coas Deputacións de Lugo e Ourense

Igual que fixera días atrás a Deputación de Ourense, recibindo ós produtores mobilizados, esta mañá, a nova presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, iniciou a súa axenda institucional no organismo cunha reunión con representantes do sector primario. No seu primeiro día de traballo na Deputación, López comprometeuse este xoves a levar as súas reivindicacións ao Pleno ordinario do mes de xaneiro.

A presidenta destacou durante o encontro que o Goberno provincial é moi consciente do peso específico do sector gandeiro -un piar na produción de vacún de carne e leite en España- e nese sentido, destacou que “calquera acordo comercial debe protexer aos produtores locais e comprometémonos a defender aos gandeiros lucenses por riba de calquera interese alleo ao territorio”.

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, no centro, en reunión con representantes dos produtores mobilizados en Lugo.

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, no centro, en reunión con representantes dos produtores mobilizados en Lugo.

Os deputados provinciais Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón participaron tamén nesta reunión, na que a Presidenta sinalou tamén que manterá o contacto cos gandeiros e agricultores afectados para ver a evolución da súa situación.

Críticas de Agromuralla e de Gandeiros Galegos de Suprema
Desde Agromuralla e Gandeiros Galegos de Suprema enviaron despois dos enconstros insticuionais un duro comunicado no que acusan ao PP e ao PSOE de “cinismo cómplice” e esixénlles que voten en contra do tratado comercial no Parlamento Europeo. “Dannos a razón en Lugo e véndennos en Bruxelas”, sosteñen.

Tanto Agromuralla como Gandeiros Galegos de Suprema subliñan que o Parlamento europeo deberá ratificar o acordo co Mercosur, que se asinará este sábado, polo que piden que os eurodeputados galegos voten en contra.
Entre tanto, as protestas agrarias mantéñense en Lugo, coa chegada de máis tractores desde distintos puntos de toda a provincia para rodear por completo a Muralla. Esta noite ás 22 horas encenderán os seus motores e os farois para facerse ver e escoitar.

Oposición do Sindicato Labrego
Por parte do Sindicato Labrego, hoxe enviouse un comunicado no que se insiste en que continuarán as mobilizacións ata que a alimentación saia do acordo do Mercosur. Desde o Sindicato néganlle credibilidade ós posibles requisitos sobre os produtos chegados do Mercosur, “pois a día de hoxe xa se están importando alimentos producidos con fitosanitarios prohibidos na UE”, cuestionan.

Tampouco manifestan fe nas cláusulas de salvagarda do acordo, que frearían as importacións no caso dunha caída importante dos prezos en orixe no agro europeo, “pois esa parada das importacións sería sempre posterior á crise”, critican.

O Sindicato Labrego coincide tamén en criticar a PP e PSOE, como Agromuralla e Gandeiros Galegos de Suprema, e enganden críticas contra Vox, “que tamén apoiou en Bruxelas o acordo co Mercosur”.

Mobilizacións conxuntas en España o 29 de xaneiro
As organizacións agrarias estatais Asaja, COAG e UPA anunciaron hoxe unha mobilización xeral o 29 de xaneiro contra o acordo do Mercosur, con protestas tanto en Madrid como en distintos puntos de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información