As mobilizacións gandeiras ante as cadeas de distribución continuaron en Lugo ante o centro comercial As Termas, onde se concentrou un grupo de gandeiros na mañá de onte para distribuir información sobre a situación do sector entre os consumidores. As mobilizacións continúan hoxe en Pontevedra, mañá en Ferrol e o sábado en Vigo. Para o luns, está previsto que as organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo aborden un novo calendario de protestas.
Tamén a próxima semana, o xoves 10, está programada unha tractorada en Lugo da asociación Agro Muralla. Ó respecto da protesta de Agro Muralla, Óscar Pose, de Unións Agrarias, sinalou onte que esa convocatoria unilateral contribúe, ó seu entender, á “división” do sector. “Tampouco comprendemos cal é o obxectivo de ter os tractores na Ronda da Muralla”, cuestiona.