Protesta ante Lidl polo uso do leite como produto reclamo a baixo prezo

Unións Agrarias desenvolveu unha acción nun dos supermercados da cadea en Santiago, que situou a marca branca nos 73 céntimos nunha oferta dunha semana

Protesta ante Lidl polo uso do leite como produto reclamo a baixo prezo

Hai un par de anos, a revalorización do leite no campo chegou cunha suba de prezos en cadea posibilitada polos supermercados, ata o punto de que as marcas brancas de leite puxéronse por riba dos 90 céntimos e as primeiras marcas por riba do euro. Agora existe o temor a un proceso en sentido contrario. O sector agrario sinala á cadea Lidl como responsable de tirar a primeira pedra, cunha oferta de marca branca a 73 céntimos.

“Durante a pasada semana tratamos de falar con eles para que eliminasen esta oferta, que comezou este luns, pero non tivemos resposta”, cuestiona o responsable de acción sindical de Unións Agrarias, Félix Porto. A organización presentouse este luns nun dos supermercados Lidl de Santiago para retirar do lineal a oferta de leite de marca branca a 73 céntimos. “Emprazamos a Lidl a que retire esta oferta en todos os seus centros. De non facelo, seguiremos coas protestas”, asegurou Porto.

“O uso do leite como produto reclamo estaba eliminado nas cadeas da distribución e non imos permitir que volvan a ese camiño. Sería impensable que esta cadea fixera este tipo de prácticas no seu país de orixe (Alemania)”, valorou Porto.

A maioría de cadeas de distribución manteñen na actualidade a marca branca de leite no entorno dos 80 céntimos, polo que hai temor a que o movemento de Lidl xenere un efecto contaxio.

“Estamos nun momento sensible, coa renovación de contratos no campo, e co intento das industrias lácteas de presionar os prezos á baixa, con ofertas que inclúen baixadas de 2 céntimos”, cuestiona Porto.

O sector examina agora en especial os movementos no campo de Leche Celta, principal proveedor da marca branca de Lidl, que vén de depositar as contas do 2023 no Rexistro, cunha declaración de beneficios por riba dos 3 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información