A protesta ante Lactalis abre o pulso do agro coa industria

O aumento de custos de produción, que previsiblemente se agravará a inicios do 2022, leva ás granxas a un camiño de mobilizacións. A concentración convocada por Unións Agrarias hoxe en Vilalba contou cunha representación do Sindicato Labrego, Agromuralla e Asaga, o que abre camiño a futuras convocatorias unitarias

Arredor de medio milleiro de produtores concentráronse esta mañá en Vilalba (Lugo) na mobilización convocada ante Lactalis. É a primeira das protestas previstas ante unha industria láctea e seguiralle a programada o martes 16 ante Larsa (Outeiro de Rei, Lugo), ambas as dúas coa convocatoria de Unións Agrarias. De cara ás próximas semanas, o sector está en contactos para novas accións de carácter unitario.

As dificultades que arrastran as granxas polo aumento de custos de produción (pensos, enerxía e outros insumos) van en ascenso. A suba de custos ronda xa o 26% no que vai de ano, segundo expuxo hoxe en Vilalba Félix Porto, o coordinador de Acción Externa de Unións Agraria. A evolución prevista é ademais preocupante, pois a inicios do 2022 moitos fabricantes de pensos terán que renovar á alza os contratos de suministro de materias primas, o que repercutirá nas granxas.

“As granxas non están a cubrir custos de produción, o que é obrigatorio pola Ley de la Cadena Alimentaria” -lembrou Porto-. “Estamos facendo movementos coas Administracións para que desbloqueen os actuais prezos do leite que manteñen as industrias, porque é nas industrias onde está hoxe en día o problema”, recalcou.

Mellora nos supermercados
Se nos últimos anos, as cadeas de distribución eran as grandes sinaladas no sector polo uso do leite como produto reclamo, na actualidade as organizacións agrarias sitúan o problema na industria, logo de que fructificasen as conversas mantidas nos últimos meses coas cadeas de supermercados, coa mediación das Administracións, para que aumentaran o prezo das marcas brancas.

Nos supermercados, as marcas brancas de leite experimentan desde setembro unha revalorización, unha situación que se comezou a extender tamén en outubro ás primeiras marcas de leite, con casos como o de Larsa ou Feiraco, que anunciaron a suba das súas primeiras marcas nos puntos de venda.

“As industrias non están a repercutir estas subas de prezos nas granxas”, cuestionou Porto, que considerou insuficiente a oferta de Lactalis de subir 1 céntimo os prezos entre novembro e marzo, cun compromiso de renegociación de prezos en marzo.

A oferta de Lactalis súmase a outros movementos xa realizados polas industrias, como o céntimo xa incrementado por Leche Celta ou Pascual, ou os 2 céntimos que subiron Naturleite e Entrepinares, interproveedoras de Mercadona. Para o sector, sen embargo, trátase de movementos insuficientes.

Mobilizacións unitarias no horizonte
De cara a próximas semanas, agárdanse novas mobilizacións unitarias de todo o sector e mesmo inicíase o runrún dunha folga de entregas de leite nas granxas, unha posibilidade xa apuntada por Agromuralla en Lugo na súa concentración da pasada semana.

Esta mañá, o acto de Unións Agrarias en Vilalba contou con presenza de representantes do Sindicato Labrego, Agromuralla e Asaga (sucesora de Asaja Galicia). É unha liña que abre a porta a unidade de acción de todo o sector nunha campaña de mobilizacións. A protesta de hoxe en Vilalba ante Lactalis, onde se baleirou simbolicamente unha cisterna de leite, apunta así a ser un primeiro paso dun pulso do agro coas grandes industrias.

Entre medias, o sector aspira a que as Administracións tomen cartas no asunto. Onte mesmo houbo unha reunión en Madrid do secretario de Agricultura do Ministerio co conxunto do sector, onde as organizacións agrarias, con presenza galega, como a de Román Santalla, Roberto García (Unións Agrarias) ou Francisco Bello (Asaga), lle trasladaron ó Ministerio a necesidade de que actúe de oficio para comprobar se os contratos das industrias lácteas coas granxas están por baixo dos custos de produción actuais.

Os prezos do leite soben en Europa e o Ministerio lánzalle unha advertencia ás industrias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información