Os cortes de luz provocados polo temporal están a afectar desde a madrugada do venres a multitude de explotacións gandeiras e veciños do rural en todas as provincias galegas. A falta de suministro, que nalgúns casos supera as 72 horas, obrigou ás granxas a botar man de xeradores eléctricos para facerlle fronte ás tarefas cotiás. Nas vivendas, un dos principais problemas é o corte de suministro nos arcóns conxeladores.
As dificultades sucédense en concellos rurais de toda a xeografía galega, como Boqueixón, Touro ou O Pino, na Coruña; Friol, Guntín e Pol, en Lugo ou a comarca do Deza, en Pontevedra. Tanto Unións Agrarias como Agromuralla emitiron hoxe sendas notas de prensa para amosar o seu malestar coas Administracións e coas compañías enerxéticas.
No caso de Unións Agrarias, a organización culpa ás eléctricas dun mal mantemento das liñas e anuncia unha campaña de escraches e protestas ante as sedes de empresas como Gas Natural Fenosa se non se soluciona a situación nas próximas horas. Pide ademais sancións da Consellería de Industria ás eléctricas.
Unións advirte das perdas nas que están a incurrir as granxas por ter que alugar xeradores eléctricos para cuestións como muxir, refrixerar os tanques de frío ou darlle de beber ás vacas. A organización lembra asimesmo os danos que sofriron cubertas de instalacións agrarias e invernadoiros, polos que insta a Medio Rural a poñer en marcha axudas que palíen a situación.
Petición de maior axilidade
Desde Agromuralla, destacan que son moitos os veciños que seguen sen suministro eléctrico tras catro días e critican a falta de información, pois descoñécese canto tempo máis se vai alongar a situación. A asociación apunta tamén ós problemas causados pola caída de árbores nas vías de comunicación, xa que en ocasións dificultaron o acceso dos camións de recollida de leite ás granxas.
Agromuralla pide maior axilidade tanto por parte dos servizos de Protección Civil como por parte das compañías eléctricas. O colectivo entende que houbo unha falta de previsión para actuar en situacións de emerxencia como a deste fin de semana.