Os prezos do leite manteñen unha tendencia á baixa nun contexto de suba dos custos de produción, en especial dos pensos e da enerxía. En maio, os datos que vén de publicar o Ministerio de Agricultura reflicten unha baixada no prezo do leite de -0,1 céntimos, ata situarse de media en España nos 33,5 céntimos e en Galicia, cunha baixada idéntica, nos 32,7 céntimos.
Galicia volve a ser a comunidade cos prezos máis baixos do Estado, a pesar de ser líder en calidades do leite, cun 3,79 de graxa, polo 3,69 de media en España, e cun 3,31 de proteína, polo 3,30 de media no país.
Entre as comunidades veciñas, Castilla y León sitúase nun prezo de 33,6 céntimos, Asturias en 35,4 e Cantabria en 33,3 céntimos.
Subas de entregas
En canto á produción no mes de maio, Galicia aumentou as súas entregas un 3,4% en relación ó mesmo mes do ano pasado, en tanto no resto de España incluso baixou lixeiramente a produción. No global do Estado, as entregas soben un 1,3% en relación a maio do 2020 precisamente polo tirón de Galicia, aínda que no global do ano, España está aínda un 0,4% por abaixo de produción en relación ós primeiros cinco meses do 2020.
O aumento da produción en Galicia, que vén significándose nos últimos anos nesa liña, explícase desde o sector agrario polos menores prezos do leite na comunidade, o que obriga ás granxas a aumentar entregas para gañar liquidez.