O sistema de muxidura é o corazón dunha granxa de leite. Del depende o manexo do gando, as necesidades de persoal, as quendas de traballo ou a propia estrutura do rabaño. O veterinario Javier Liste deu nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro algúns consellos para decantarse por un sistema ou outro.
“Non existe un sistema de muxido universal válido para todas as explotacións, porque cada gandaría e cada gandeiro é diferente, e para decidir que sistema de muxidura utilizar debemos analizar a granxa no seu conxunto, tanto os animais e instalacións como ao gandeiro e a man de obra dispoñible”, afirma.
Non existe un sistema de muxidura universal válido para todas as granxas
A elección do sistema de muxidura é un aspecto crucial e crítico nunha granxa, que vai moito máis aló do número de animais a muxir, xa que vai condicionar toda a organización do traballo na explotación.
“Hai gandarías que apostan por muxidos curtos, para que eses traballadores poidan realizar despois outras tarefas ou labores na granxa, pero tamén outras explotacións que optan por muxidos longos, máis coincidentes coas quendas de traballo, para poder facer equipos só de muxidura”, exemplifica.
A organización dunha granxa xira sempre arredor da muxidura
Tamén hai que ter en conta as expectativas de crecemento da explotación para dimensionar o sistema de muxidura acorde a esas previsións. O nivel de endebedamento da granxa e outras inversións previstas a curto e medio prazo, como ampliacións nas naves ou compras de maquinaria, van condicionar igualmente a decisión de adquisición ou modernización do sistema de muxidura.
A dispoñibilidade ou ausencia de man de obra, así como do relevo xeracional, tamén ten un peso decisivo á hora de optar por un sistema de muxidura ou outro. O feito de que existan persoas novas na granxa predispón a escoller sistemas de muxidura de última xeración, normalmente sistemas robotizados, mentres que persoas de maior idade no persoal e falta de relevo son factores que fan que as explotacións sexan máis conservadoras e máis propensas a optar por sistemas de muxidura tradicionais máis simples.
As vacas son imprevisibles, por iso calquera sistema de muxidura nunca vai estar libre ao 100% de asistencia humana
“Nunca se dera na historia da muxidura unha revolución tecnolóxica tan grande nun período de tempo tan curto e está claro que a automatización e robotización están cambiando o modo de muxir vacas, pero por moito que avance a tecnoloxía, non deixan de ser máquinas traballando con animais que son imprevisibles, polo que calquera sistema de muxidura nunca vai estar libre de asistencia humana por completo”, recoñece.
Analizamos a continuación as principais vantaxes e inconvenientes de cada un dos principais sistemas de muxidura. En todo caso, insiste Javier, “elixamos o sistema que elixamos, a vaca sempre debe ser a prioridade, respectando os seus tempos, descansos e necesidades”.
Salas de muxido paralelas
O muxido traseiro é hoxe o máis implantado nas salas instaladas en gandarías leiteiras. É o sistema máis económico, tanto no momento da adquisición como no seu posterior mantemento, polo que a amortización do investimento é rápida. É tamén o sistema que ocupa menos espazo no establo.
A súa outra gran vantaxe é que as salas paralelas son facilmente ampliables, sobre todo se esa ampliación queda prevista no momento da súa construción, o que evita ter que volver facer obras.
Se o rabaño medra, a sala non é un factor limitante, xa que é capaz de asumir máis vacas con máis horas de muxido ou cunha ampliación da súa capacidade
Deste xeito, é posible adaptar o tamaño da sala de muxidura ao número de vacas en produción, ampliándoa a medida que o rabaño vai medrando, sen necesidade de investir todo o diñeiro na compra inicial.
Non obstante, a ampliación dunha sala paralela ten un límite, xa que a partir dos 40 puntos (2×20) resulta máis eficiente unha sala de muxidura rotativa, asegura Javier. “En salas de muxidura paralelas moi longas, os tempos de carga e descarga do gando son elevados e pérdese moito tempo niso, mentres que nas rotativas os tempos de carga e descarga redúcense a cero porque están entrando e saíndo vacas continuamente”, explica.
A partir de 40 puntos (2×20) resulta máis eficiente unha sala rotativa
É doado implantar rutinas de muxidura en salas paralelas, pero o seu cumprimento depende do persoal. En canto aos rendementos dunha sala paralela, van depender, entre outros factores, do número de operarios que haxa no foxo. Habitualmente considérase un máximo de 16 puntos por operario e existen grandes diferenzas entre explotacións, podendo muxir entre 4 e 5 voltas de vacas por hora, en función de factores como a destreza e rapidez do operario nas tarefas de preparación, colocación e retirada ou o fluxo de leite dos animais.
“A eficiencia do muxido non depende unicamente do tamaño da sala. Fluxos de leite baixos non son rendibles en ningún sistema, porque mentres moxes unha vaca dura non podes meter outra e pode estar retrasando todo o muxido. O fluxo de leite ten unha compoñente xenética moi importante, polo que non se debe recriar dos animais máis lentos da granxa para evitar estar transmitindo eses factores herdables ás xovencas de reemprazo”, recomenda Javier.
Salas de muxido rotativas
O número de salas rotativas instaladas en Galicia aumentou nos últimos anos a medida que as explotacións foron incrementando o seu tamaño. As máis habituais hoxe en día son salas rotativas de 40 ou 50 puntos, que ocupan maior espazo nas instalacións respecto dunha sala paralela e teñen tamén un custo superior.
Fronte ás salas paralelas, unha sala rotativa debe ser dimensionada desde o inicio tendo en conta o tamaño futuro da granxa e o crecemento previsto, xa que non é ampliable e o seu incremento de capacidade estará marcado unicamente polo tempo de traballo.
En muxiduras moi longas hai que dar relevos aos operarios debido ao cansazo que supón o traballo, que é continuo e repetitivo
A diferenza das salas paralelas, que obrigaban o operario a moverse polo foxo, nas rotativas é a vaca a que se achega ao operario, o que outorga maior comodidade aos traballadores. É máis doado tamén cumprir coas rutinas de muxidura, xa que cada operador ten a súa zona de traballo definida, pero en muxiduras moi longas Javier recomenda dar relevos aos operarios polo maior desgaste que supón o traballo, que é continuo e repetitivo.
En canto ao número de vacas muxidas por hora, existe a crenza de que canto máis grande é a sala maior rendemento se obtén, aínda que “isto non é sempre así”, matiza. “O obxectivo da rotativa é evitar que se deteña, polo que ás veces introducindo un operario máis logramos maior eficacia nunha sala pequena que nunha grande con menor persoal”, aclara.
O rendemento das salas rotativas non depende do seu tamaño, senón de axustar ben o número de traballadores para que non se deteña
A velocidade de xiro dependerá da produción e dureza dos animais, pero estímase un tempo mínimo necesario de muxidura por vaca de 6 minutos. Deste xeito, nunha rotativa de 50 prazas con 3 operarios no foxo, o tempo de entrada e saída de animais estará situado en intervalos de 14 segundos.
Robots de muxido
A demanda de robots de muxidura en granxas de tamaño medio ou pequeno medrou de maneira exponencial nos últimos anos, impulsada pola falta de man de obra e a busca dunha maior calidade de vida por parte dos gandeiros.
No mercado existen distintos modelos en función de por onde se coloquen as pezoneras á vaca (brazo lateral ou brazo traseiro) e do número de postos de muxidura por brazo robotizado (box individual e box dobre).
Tradicionalmente os robots de muxidura colócanse dentro do establo, inseridos nos diferentes lotes de animais en produción, existindo diferentes sistemas de circulación do gando que vai a muxirse (tráfico libre, tráfico forzado, con preselección, etc.).
O habitual é traballar con lotes de arredor de 60 vacas por robot para minimizar os rexeitamentos
O habitual é traballar con lotes de arredor de 60 vacas por robot para minimizar os rexeitamentos. Nas explotacións de maior tamaño que optan por instalar robots, clónase o sistema multiplicando o número de lotes e unidades de muxidura instaladas. “Necesítase persoal adestrado e atención 24/7 porque en calquera momento pode parar o robot”, advirte Javier.
O rendemento por robot, en todo caso, está condicionado ao tipo de vacas que teñamos. “Pasando de 2,5 litros por minuto de fluxo de leite a 3,5 poderei muxir 14 vacas máis no mesmo robot, pasando de 55 vacas a 69”, explica, polo que, conclúe, “se teño vacas máis brandas poderei muxir máis animais”.
Para lograr unha boa muxidura voluntaria é crítico o descanso do gando e a saúde podal
Entre as principais vantaxes dos robots está a redución dos tempos de muxidura individual da vaca e do tempo morto que pasa o animal na sala de espera. Ademais, a través dos permisos que outorga o gandeiro, é fácil chegar aos tres muxidos en vacas de alta produción, mellorando o seu benestar e saúde de ubre.
Os sistemas robotizados dispoñen ademais de distintos softwares que permiten ao gandeiro a obtención de datos individualizados de cada vaca, permitindo a través do punteo unha alimentación de precisión que maximiza a nutrición individualizada.
O robot permite maximizar a nutrición individualizada da vaca e aumentar os seus tempos de descanso
Debido ao tráfico continuado de vacas que van a muxirse durante o día, evítase a acumulación de animais no comedeiro, habitual á saída da muxidura en sala, polo que é necesario un menor número de cornadizas no establo. Pola contra, precisamente porque en ningún momento o establo está baleiro de animais, certas tarefas como o encamado vense dificultadas.
Certas tarefas como o encamado vense dificultadas porque o establo nunca está baleiro
Unha das desvantaxes que se lle achacan aos robots é o seu maior custo de mantemento. “Un ano de muxidura dun robot equivale a 15 anos de traballo dunha sala, polo que son necesarios mantementos máis exhaustivos”, defende Javier. Estas revisións preventivas son máis necesarias se temos en conta que o obxectivo é non ter paradas do robot por avarías e que non existen momentos de inactividade (como por exemplo entre muxidura e muxidura nunha sala) para levar a cabo as reparacións.
Un ano de funcionamento dun robot equivale a 15 dunha sala, polo que o desgaste é maior e as necesidades de mantemento tamén
A vida útil dun robot é normalmente máis curta que a dunha sala, polo que o custo e tempo de amortización elévanse. Pero, sobre todo, o principal hándicap dos robots é a súa limitada flexibilidade á hora de aumentar o número de vacas en muxidura, o que condiciona o crecemento escalonado e con recría propia das explotacións que están aumentando o seu rabaño. Se o robot está ao límite da súa capacidade, aumenta a competencia ao redor do robot e as vacas non dominantes teñen maiores dificultades para entrar.
Batch milking
O batch milking é un sistema de muxido robotizado en grupo pensado para explotacións grandes, onde a área de muxidura (composta por unha sala de espera e varias unidades de robot colocadas en liña) atópase nunha zona separada do establo e dá servizo aos distintos lotes de animais en produción, que se van achegando a esta zona.
Trátase dun sistema recente que está evolucionando e son poucas aínda as experiencias de batch milking en granxas de Galicia, pero é unha nova alternativa a ter en conta, sobre todo para grandes rabaños. En canto ao rendemento, estímase entre 7 e 9 vacas/hora por robot.
Este sistema minimiza a necesidade de operarios para muxir grandes rabaños
A gran vantaxe do batch milking é que reduce ao mínimo as necesidades de persoal dedicado á muxidura respecto dun sistema convencional. Cunha persoa dedicada a mover os distintos lotes de vacas á sala de espera e a asistir a algún robot de forma puntual, pódense muxir 700 vacas, algo impensable noutro sistema de muxidura.
Ademais, as rutinas de traballo no establo non se alteran, xa que as vacas seguen asistindo en grupo á zona de muxidura, facilitando nese momento a preparación dos cubículos sen molestar os animais. Ademais, ao trasladar os animais á sala de espera, garántese que todas as vacas son muxidas, non habendo atrasos como no caso dos robots individuais.
O batch milking mellora a circulación de animais, aumentando o número de vacas muxidas por hora respecto ao robot individual
Pódese facer o mantemento dos robots entre muxiduras e non supón un gran problema que unha unidade avaríe durante a muxidura, xa que as demais seguen normalmente operativas, polo que a reparación pode realizarse sen necesidade de deter a muxidura do lote completo.
É un sistema facilmente ampliable que admite o crecemento do rabaño, aínda que o seu maior custo respecto ao resto de sistemas de muxidura dispoñibles é o seu principal inconveniente. Ademais, reduce a dispoñibilidade horaria respecto aos robots de muxidura, xa que sen unha persoa presente non hai muxidura, pero, a cambio, unha vez finalizada, non hai avisos por paradas, como ocorre nos robots autónomos convencionais.
“O futuro pasa por sistemas híbridos, como son o batch milking e as salas de muxido robotizadas”
Cara a onde evoluciona a tecnoloxía de muxido nos vindeiros anos? Javier considera que “a robotización será o futuro”, pero aposta por sistemas “híbridos”. “Ata agora había dous sistemas de muxidura dispoñibles: sala ou robot. Pero agora existen xa mesturas como o batch milking robotizado e as salas de muxidura robotizadas. No futuro tenderán a converxer e a ser o mesmo, aínda que neste momento existen diferenzas entre eles”, explica.
“Xa existen robots de selado para salas rotativas e é só cuestión de tempo que haxa tamén robots de preparación e colocación. Nas salas paralelas haberá tamén robots para realizar as tarefas repetitivas que hoxe fan os operarios”, prognostica.
A robotización e a intelixencia artificial están en auxe e viñeron para evolucionar e revolucionar a muxidura
“A robotización e a intelixencia artificial están en auxe e chegaron para evolucionar e revolucionar a muxidura”, asegura, tanto na automatización das tarefas a realizar como en sistemas de apoio á toma de decisións en materia de detección de enfermidades e patoloxías, secado, descartes, etc.
Obsérvanse, avanza, dúas tendencias a curto prazo no que respecta á introdución e mellora da tecnoloxía de muxidura:
- Robotización de salas rotativas convencionais
Xa existen robots de selado ou de predipping, pero o futuro pasa por automatizar a preparación e colocación das pezoneras a través de brazos robotizados, tanto en salas paralelas convencionais como nas salas rotativas, que se converterán así nunha especie de cadea de montaxe, cunha serie de tarefas repetitivas a realizar en postos fixos a medida que a vaca avanza.
- Avances nos robots de muxido
A intelixencia artificial está chamada a xogar un papel moi importante na mellora tecnolóxica dos robots de muxidura, xa sexa en unidades individuais ou en novos sistemas de batch milking. Coa mellora na toma de decisións, os robots de muxidura volveranse máis autónomos e menos dependentes da supervisión humana, reducindo os seus fallos. As melloras nos software, con novas aplicacións e sensores, facilitarán ademais a toma de decisións ao gandeiro na xestión do rabaño.