A Consellería do Medio Rural manterá durante todo o mes de xullo as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), unha enfermidade vírica que afecta ao gando bovino e que, polo momento, non rexistrou ningún caso en Galicia. A prórroga, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), estará vixente entre o 1 e o 31 de xullo, aínda que poderá ampliarse en función da evolución epidemiolóxica da doenza.
A decisión baséase nas avaliacións continuas dos Servizos Veterinarios Oficiais, que consideran necesario conservar as medidas cautelares para evitar a entrada da enfermidade na comunidade. A Xunta insiste en trasladar unha mensaxe de tranquilidade tanto ao sector gandeiro como á cidadanía, lembrando que a dermatose nodular contaxiosa non se transmite ás persoas nin polo contacto cos animais nin polo consumo dos seus produtos.
Entre as medidas que continúan en vigor figura a autorización para celebrar feiras, mercados, poxas e certames de gando bovino, aínda que unicamente poderán participar animais procedentes de explotacións galegas. Ademais, os vehículos que entren desde fóra da comunidade deberán facelo baleiros e tras seren sometidos aos correspondentes procesos de limpeza, desinfección e desinsectación.
Tamén se mantén o período de vixilancia veterinaria de 28 días para os bovinos incorporados a explotacións galegas desde outras comunidades autónomas ou desde o estranxeiro. Durante ese tempo permanecerán inmobilizados cautelarmente todos os animais da explotación receptora e será obrigatoria a desinsectación tanto do gando como dos vehículos empregados no transporte.
A Consellería asegura que continuará reforzando os controis sanitarios nas explotacións e nos movementos de animais, en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Paralelamente, a Xunta reclama ao Ministerio de Agricultura unha maior coordinación entre comunidades autónomas para afrontar a enfermidade e insiste na necesidade de abrir negociacións con Marrocos para recuperar a exportación de bovinos españois, un mercado considerado estratéxico para o sector. Ademais, solicita que España lidere na Unión Europea o desenvolvemento dunha vacina preventiva e que se revise a actual clasificación da enfermidade, co obxectivo de reducir o impacto das restricións sobre as explotacións gandeiras.
Galego









Control OJD