A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Proquideza, produtos que coidan da hixiene na industria alimentaria e buscan reducir custos e vertidos

Esta empresa asentada en Lalín conta cunha gama de deterxentes e desinfectantes pensados para a industria alimentaria cos que garanten unha limpeza e desinfección en tódalas fases do proceso. Ademais, traballan en liñas de produtos concentrados cos que diminuír custos e residuos

Proquideza, produtos que coidan da hixiene na industria alimentaria e buscan reducir custos e vertidos

Profesionais no laboratorio de Proquideza.

Unha hixiene escrupulosa é fundamental na industria alimentaria e sendo moi conscientes disto, a firma Proquideza, asentada en Lalín, leva case 20 anos traballando en produtos que garanten unha limpeza e desinfección óptima en tódalas fases do proceso. Un amplo abano de deterxentes e desinfectantes adáptanse ás necesidades máis esixentes deste sector atendendo ó tipo de limpeza que precisen.

Esta empresa, que é un referente nacional no desenvolvemento de produtos de hixiene tanto para a industria alimentaria como para gandería, procura ademais reducir os residuos que estes procesos de limpeza implican. A clave está en acadar a eficiencia máxima dos seus produtos, co que ademais se logra un aforro de custos. “Ó igual ca na liña de gandería, buscamos traballar con produtos de alta concentración cos que obter a máxima eficacia e ó mesmo tempo reducir os vertidos á depuradora, apostando ademais polas materias primas menos prexudiciais para o medio”, concreta Javier Polo, socio e administrador de Proquideza.

Empregan materias primas de calidade alimentaria que xeran un menor impacto no medio ambiente

Proquideza atende ó tipo de limpeza requirida para ofrecer solucións especializadas. Así, desenvolve dende produtos pensados para superficies abertas como solos ou paredes que adoitan facerse con produtos espumantes, ata desinfectantes ou limpadores específicos pensados para circuítos C.I.P. e túneles de lavado, cunha gama que abrangue dende deterxentes neutros, alcalinos, alcalino-clorados e desinfectantes ou ácidos.

Menos residuos e custos

Unha das liñas de produtos coas que contan está pensada para a limpeza de circuítos C.I.P., sobre todo para as industrias lácteas. Os seus esforzos centráronse en ofrecer uns produtos concentrados que conseguen reducir a cantidade de deterxente preciso para lograr unha hixiene óptima, isto tradúcese nun menor custo da limpeza, que leva parello ademais menos vertidos á depuradora. Nomes como Alcalinet BS ou Alcalinet AS, a súa versión máis concentrada, permiten estes resultados. “É unha liña que está moi estudada e os clientes que deciden apostar por empregalos sempre atopan un beneficio económico aínda que inicialmente poidan pensar que son máis caros ca outras alternativas”, comenta Polo.

Produtos-industria-alimentaria-Proquideza-

Un dos seus produtos pensados para a industria alimentaria.

En Proquideza, a diminución dos residuos non ven só por produtos eficientes que impliquen unha redución do seu uso, senón que as materias primas coas que elaboran os limpadores buscan tamén ese menor impacto ó medio. A selección destas materias primas é fundamental para obter produtos respectuosos co entorno. “En lugar de empregar unha sosa calquera optamos por unha sosa alimentaria que xera menos residuos e coma esa temos moitas materias primas que escollemos en base a ese criterio”, especifica Polo.

Nesta mesma liña respectuosa co medio ambiente, tamén están a investigar en incorporar extractos vexetais ós seus produtos. Un proceso que é lento pero no que xa contan con experiencia posto que algúns dos seus produtos pensados para o gando incorporan extractos naturais de varias especies vexetais ou dermoprotectores como a aloe vera.

Traballan en produtos para limpezas específicas como as de membranas de ultrafiltración

Unha limpeza axeitada é tamén a clave para o mantemento adecuado dos sistemas dos que bota man a industria alimentaria, e en Proquideza téñeno moi presente. Precisamente, contan cunha gama de limpadores ácidos, alcalinos e neutros, pensados para a limpeza de membranas de ultrafiltración, pezas claves e que precisan de produtos moi específicos (Alcalinet M25 e M40, Decalcid M ou Alcadit M). “Levamos arredor de ano e medio con esta gama de produtos e nas instalacións que levan este tempo empregándoos os resultados están sendo moi bos”, explica Polo.

Adaptarse ás esixencias europeas

Europa marca tamén algunhas das liñas nas que está a traballar esta firma galega. Un dos procesos nos que leva tempo inmersa é a adaptación dos seus desinfectantes ó novo regulamento europeo BPR, que regula a comercialización e uso de biocidas para extremar a protección tanto para as persoas como para o medio ambiente.

Asesoramento directo

As industrias cárnicas, lácteas e as conserveiras son algúns dos seus principais clientes nun mercado que se concentra sobre todo en Galicia e nas comunidades autónomas máis próximas aínda que contan tamén con distribuidores no Levante. Tamén comezan a exportar a Portugal, onde notaron unha incipiente demanda de produtos desinfectantes. “A industria alimentaria require un trato directo de asesoramento por iso, a diferencia dos produtos de gandería onde estamos exportando incluso para a India, neste caso centrámonos máis no mercado de proximidade”, explica Javier.

A investigación de vangarda, un aliado na limpeza

En Proquideza a investigación en novos produtos e na mellora dos existentes é unha constante que levan aplicando ó longo destes anos. Algúns dos seus produtos non só buscan ofrecer solucións a necesidades específicas das industrias alimentarias senón que van á raíz destas e incluso axudan a detectar focos de sucidade que poden chegar a converterse nun problema para as industrias. É o caso, por exemplo, dos chamados biofilms, acumulacións de bacterias que se adhiren a distintos tipos de superficies, e dado que se trata de microorganismos poden pasar desapercibidos, pero ademais son capaces de formar unha especie de coiraza resistente aos deterxentes clásicos. Só se poden eliminar con deterxentes enzimáticos que nesta firma levan tempo desenvolvendo.

Desenvolven solucións para combater focos de suciedade como os biofilms, con gran resistencia e que pasan desapercibidos

“Á xente cústalle ser consciente de que é preciso empregar produtos específicos porque estes biofilms pasan moi desapercibidos”, matiza Polo. Por este motivo desenvolveron tamén un produto específico para detectalos se xa están formados. “Moitas veces problemáticas de Listeria ou de Salmonellas que aparentemente non hai unha causa que as provocase veñen dadas por estes biofilms, de aí a importancia de detectalos e eliminalos. Mentres non se opte por este tipo de limpezas específicas non se dan atallado por moito deterxente e desinfectante que utilicemos”, apunta Polo.

Xunto a este tipo de produtos pensados para novas necesidades das industrias alimentarias que xa comercializan, en Proquideza traballan xa noutras liñas de investigación para atallar novos retos. Na actualidade están a desenvolver novos produtos para garantir a limpeza precisa das latas de conserva despois de que se enchan. Outra das liñas de investigación actual está centrada en atopar un limpador axeitado para os bidóns de auga dos dispensadores que se colocan en multitude de empresas ou locais. Son só dous exemplos dunha investigación que abrangue tamén solucións para hostalería ou automoción, outros sectores para os que tamén contan con produtos específicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *