O Sindicato Labrego Galego (SLG) presentou esta semana a súa proposta de cara ao período 2028-2034 da Política Agraria Común (PAC). O Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez, lembrou que o pasado 16 de xullo de 2025 coñeciamos a proposta da Comisión Europea do marco financeiro plurinacional da Unión Europea para o período 2028-2034.
En concreto, denunciou que que “a proposta, chegada dende a Comisión Europea en relación a PAC 2028-2034, tradúcese en menos presuposto (20% de recorte sen ter en conta a inflación, téndoa en conta falariamos de entorno a un 31% de recorte), ningunha ferramenta para a regulación dos mercados que permita subir prezos agrarios nin reducir a dependencia das axudas as granxas, as axudas seguen orientadas á terra e ao capital, non ás persoas labregas, mantense un enfoque produtivista e exportador, en detrimento da resiliencia e soberanía alimentaria e desmantela a política agraria común da UE coa supresión dos dous piares e a inclusión da PAC nun fondo multisectorial que fará que se compita con outros sectores por recursos económicos, así como o risco á renacionalización da PAC trae unha competencia á baixa entre os Estados membros aumentando as desigualdades entre agricultoras segundo o país onde vivan”.
Neste sentido, dende o SLG-CC.LL advirten de que “esta proposta aceleraría aínda máis a desaparición de pequenas granxas agrícolas, que son esenciais para a soberanía alimentaria europea, para un modelo de agricultura diversificado e para manter un medio rural vivo”.
Neste contexto, Brais Álvarez presentou as demandas do Sindicato Labrego Galego para o novo período da PAC 2028-2030, que pasan polos seguintes puntos:
1- Un orzamento sólido para a PAC que garanta uns ingresos dignos ás persoas agricultoras e medios para a transición agroecolóxica. A principal solicitude nas manifestacións agrícolas en toda Europa o ano pasado era garantir uns prezos xustos para as persoas agricultoras. O orzamento da PAC debe incluír esta demanda, pero non só iso: as axudas da PAC deberán redistribuírse para apoiar ás pequenas granxas e promover a substitución xeracional e a transición agroecolóxica. A maioría das granxas necesita esta transición, polo que un orzamento sólido e clave para reverter esta tendencia e conseguir un modelo agrícola máis resiliente.
2- Rexeitamento á renacionalización, que ameaza a equidade e a cohesión europea. A PAC é un proxecto común, polo que unha maior renacionalización aumentaría a competencia entre as granxas agrícolas de todo o continente ao estar suxeitas a normas e axudas diferentes dun país a outro, aínda que formen parte do mercado común.
3- O mantemento de ambos piares, reforzando o piar 2 cara a transición agroecolóxica e o relevo xeracional. A desaparición do piar 2 equivalería a abandonar a vocación sistémica, alimentaria e rural da política agraria común. Lembramos que a UE non alcanzou ningún dos obxectivos da reforma de 2023 e tampouco logrou tres dos obxectivos que se fixaron no tratado de Roma de 1962: ingresos satisfactorios para as persoas labregas, prezos xustos para as consumidoras e mercados agrícolas estábeis. Esta situación é inaceptábel e a supresión do segundo piar só empeoraría a situación, xa que este piar permite contrarrestar os efectos devastadores do axuste dos pagos do primeiro piar da PAC á superficie, piar que consideramos debe ser modificado enfocado a produción de alimentos e o mantemento das granxas labregas en detrimento do pago por superficie como se contempla actualmente.
4- Un tope e unha degresividade das axudas reais, e que os pagos vaian para as pequenas e medianas labregas e para a produción de alimentos e o mantemento de granxas no territorio.
5- Unha revisión da OCM que inclúa instrumentos de regulación do mercado. Propoñemos afastarnos do paradigma actual da agricultura, que depende de subvencións públicas, para que os prezos agrícolas europeos se manteñan nun nivel estábel e por encima dos custos de produción, e supoñan estes a maior parte dos seus ingresos. Entendemos que os fondos do piar 1 deben ir encamiñados a garantir esta renda en tanto non se garanta por medios dos prezos, entendo a pac como unha ferramenta que axude a regular os mercados.
6- A revisión da Directiva sobre prácticas comerciais desleais mediante a inclusión na lista negra de prácticas comerciais as vendas por baixo dos custos de produción e a saída dos acordos de libre comercio e o rexeitamento do acordo UE-Mercosur actualmente en negociación.
Outras reclamacións
Así mesmo consideramos que é necesaria unha verdadeira simplificación da PAC, cada vez máis difícil de entender e de xestionar. Os pagos directos disociados contemplados no PIAR 1 non poden seguir pagándose por hectárea en base a uns dereitos, deben ser unha verdadeira axuda a renda. Este sistema de asignación de pagos directos sobre a base da superficie conduciu a unha grande concentración dos pagos sen ter en conta os diferentes modelos agrícolas ou o nivel de renda. As axudas deben estar ligadas a actividade, non basearse en ningún caso en dereitos históricos e servir realmente para conseguir equiparar as rendas dos e das agricultoras a media da renda do Estado. Outro problema do modelo actual segue sendo que a axuda redistributiva complementaria á renda e á axuda para mozas vai tamén en función as hectáreas. Así, segue xerándose unha concentración dos pagos nas persoas ou grnaxas que xa cobran e nada nas que non teñen dereitos de pagamento. Na Galiza determinados sectores quedaron sistematicamente fóra destas axudas: horta, apicultura, viñedo….
A proposta do Sindicato Labrego Galego é o establecemento dunha verdadeira axuda á renda, eliminando todas estas axudas que complican moito a xestión. Propoñemos un só pago no PIAR I como axuda básica a renda, incrementado entre outros para as persoas instaladas na agricultura ou gandería nos últimos 5 anos, para persoas titulares dunha granxa nunha zona considerada de alta montaña, por ser muller, baremada en función da dedicación á actividade agraria por UTA e que teña en conta a Renda de Referencia para a actividade agraria.
A actual PAC demostrou unha vez máis como non axuda a que o número de granxas ou o número de perceptores da PAC deixe de baixar. Se no ano 2013 en Galiza había 35871 perceptores de pago único, no ano 2018 había 27117 beneficiarios de pagos desacoplados e no ano 2025 hai 22462 solicitudes únicas.
As axudas teñen que ir destinadas ás persoas que producen alimentos, a tempo completo ou parcial. É precisa unha definición precisa de agricultor/a xenuíno ou xenuína: en ningún caso se considerará como tal o propietario ou propietaria dunha granxa intensiva sen terra, solicitarase un requisito de residencia e definirase agricultor/a a título principal e pluriactivo en función do porcentaxe dos ingresos na renda e do tempo que destina a actividade.
A axuda á renda contémplase como a compensación de renda dun determinado beneficiario individual ou sociedade (k) , calculada entre a diferencia da súa renda agraria (Rak), entendida como o rendemento neto reducido das actividades agrarias imputado na declaración do IRPF ou a atribución de rendas agrarias procedentes de sociedades con actividades agrarias, excluídas obviamente as subvencións, e unha determinada renta agraria de referencia (Rao) que actualmente fíxase polo Ministerio de Agricultura en 35924,10 €.
Dita diferenza corríxese, para que a compensación resulte xusta e eficaz mediante a aplicación de varios factores.
a) A dedicación do beneficiario (ak), medida como proporción dos ingresos agrarios sobre os ingresos totais consignados na declaración do IRPF, e a dedicación en horas a granxa. (máximo 1 mínimo 0).
b) A produtividade da granxa (bk), medida sobre un valor mínimo de produción e superficie por sector, sendo este valor 1, e minguando proporcionalmente cando non alcance este limiar ( máximo 1 mínimo 0).
c) A dimensión social da granxa (ck), medida pola súa contribución ao mantemento de granxas no medio rural, relevo xeracional, a presenza ou incorporación de mulleres titulares e a permanencia en territorios de especial relevancia para a conservación do medio como zonas de alta montaña ou red natura. (mínimo 1 máximo 1,5).
d) A contribución ambiental da granxa (dk) medida en relación ás prácticas medioambientalmente positivas e verificábeis como son a agricultura ecolóxica, facer pastoreo, a clasificación da granxa en extensivo ou semiextensivo….(mínimo 1 máximo 1,5).
e) Coeficiente de prorrateo (x): Que axusta a compensación en función da relación resultante entre a suma das compensacións individuais e a dotación orzamentaria dispoñíbel. Se esta última excedera o importe das sumas individuais caberían 3 posibilidades: 1) incremento da compensación individual aplicando o prorrateo 2) dotación dun fondo de reserva 3) traspaso ao segundo piar, como as axudas de incorporación ou plans de mellora.
A compensación por renda anulase cando a dedicación do beneficiario ou beneficiaria é cero e/ou a produtividade da granxa tamén. Desta maneira evítanse distorsións do sistema.
Este sistema supón a inclusión de todas as labregas na PAC, con independencia da súa orientación produtiva.
Galego









Control OJD