Propostas para mellorar o asociacionismo forestal en Galicia

Resumo da charla impartida este sábado en Porto do Son por Odón López López, xefe do Distrito Forestal IV Barbanza na xornada “Sistemas silvopastorais nos montes atlánticos” organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Propostas para mellorar o asociacionismo forestal en Galicia

Propostas para mellorar o asociacionismo forestal en Galicia

Odón López empezou o seu relatorio lembrando que “o problema da xestión forestal en Galicia é o minifundio: precisamos unha superficie mínima para que xestión forestal sexa sostible e rendible”. En concreto, situou o mínimo nas 25 hectáreas e o óptimo a partir de 60 hectáreas de monte. “As comunidades de montes por debaixo de 25 hectáreas de superficie non son sostibles”, subliñou.

Neste sentido, salientou que unha xestión sostible do monte “implica que haxa unha regularidade nas rendas para que haxa unha xestión técnica e uns investimentos periódicos en silvicultura, defensa contra lumes, pragas e enfermidades”.

Ademais, o xefe do Distrito Forestal IV do Barbanza, un dos máis activos en Galicia no asociacionismo forestal e no aproveitamento multifuncional do monte, lembrou que unha superficie mínima “tamén nos permitirá maior resiliencia en caso dunha adversidade -incendio, praga…etc- xa que o normal é que non afecte a toda a masa forestal e mellore prezos, xa que a partir dos 1.500 metros cúbicos os madeiristas pagan máis ao reduciren custos”.

“Nin as UXFOR funcionaron nin as SOFOR están a funcionar”

A este respecto, Odón López lamentou que as figuras que creou a Xunta de Galicia nos últimos anos para favorecer o asociacionismo forestal e, xa que logo, máis superficie e unha xestión sostible do monte, non funcionaron.

“As SOFOR non están a funcionar -só hai 3 en Galicia- porque implican a creación dunha Sociedade Limitada, o que supón unha cuestión complexa para o propietario”, explicou o ponente.

Ademais, advertiu de que “tampouco axuda que as SOFOR impliquen a cesión dos dereitos sobre as parcelas, abandonando o concepto de propiedade polo de participación; e a un propietario que vexa que no seu terreo lle toca unha devasa non o anima moito”.

E en terceiro lugar, Odón López lamentou que “tanto as UXFOR como logo as SOFOR son dúas figuras que impoñen unha única filosofía para todo o territorio galego, cando existen grandes diferenzas na xestión, na propiedade e no tipo de monte entre as comarcas galegas”.

Alternativas ás SOFOR

Ante esta situación, o ponente explicou que están a xurdir outras figuras para facer sostible o aproveitamento forestal, como son as asociacións privadas de produtores de madeira, “con propietarios que comparten intereses e crean unha sociedade basicamente orientada para a produción de eucalipto e cunha filosofía de rendemento a curto prazo”.

Outra figura alternativa son as cooperativas de servizos comúns, como xestión técnica e tratamentos silvícolas, a través do pagamento de cotas por parte dos asociados, pero sen unha verdadeira unión das superficies.

Aspectos mínimos á hora de lexislar sobre asociacionismo forestal

Ante esta situación, Odón López expuxo unha serie de aspectos mínimos que considerou necesarios ter en conta á hora de lexislar para que as figuras de asociacionismo forestal que impulsa a Xunta teñan éxito:

-Un modelo que se adapte a todos os escenarios da realidade galega.

-Que implique unha cesión de dereitos durante un tempo determinado.

-Necesidade de seguridade xurídica para evitar que os asociados saian cando hai que achegar capital ou realizar cortas.

-Ten que ser esixible a ordenación (a xestión sostible a través dun plan técnico ou documento simple) para garantir a sustentabilidade desa explotación forestal.

-Obriga de certificación forestal.

Por último, Odón López apuntou dúas consideracións que, na súa opinión, son claves para o éxito do asociacionismo forestal: a importancia dun liderado a nivel dos propietarios que impulse a súa asociación e a necesidade de que haxa consenso social e compatibilidade de usos (actividade gandeira, turística…etc).

2 ideas sobre “Propostas para mellorar o asociacionismo forestal en Galicia

  1. Bruno Vilela López

    Havía 32 UXFOR em tramitaçom quando o PP decidiu fulmina-las. Eu diría que nom se lhes deu tempo para ver si podiam funcionar.

    Contestar
    • José Manuel Zapata Fernández

      Eu penso que o modelo de UXFOR podería ter funcionado.
      Quizáis non como unha solución única para todo o territorio da comunidade autónoma, porque como dixo o relator, en cada comarca hai singularidades que dificultan unha homoxeneización de modelos, pero podería ter sido unha das figuras posibles.
      O asociacionismo ten dinamizado moito a actividade forestal, especialmente no Distrito Forestal I, pero penso que debe evolucionar e ser máis ambicioso, encamiñándose cara unha ordenación forestal seria, tecnificada e monitorizada. As asociacións poden ser o suficientemente potentes como para xenerar postos de traballo de seu, a partir da creación de un departamento técnico e otro de execución de obras propios, con traballadores e maquinaria propia, ou ben asinaren contratos de longa duración con empresas do sector forestal.
      O que está claro é que as SOFOR son un modelo que naceu morto e que non ten futuro. Os responsables da política forestal farían ben en pensar noutra solución, se de verdade quixeran dar solucións, do que teño serias dúbidas.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información