O conselleiro de Medio Rural, José González, informou en Silleda sobre as propostas que a Xunta lle remitirá ó Ministerio de Facenda para reformar a fiscalidade das axudas de nova incorporación. González aproveitou a sesión formativa, organizada polo seu departamento e dirixida a mozos que se acaban de incorporar á actividade agrogandeira, para concretar o cambio que propoñen para a actual normativa do IRPF.
Tributar durante todo o período de amortización
O principal cambio suxerido, na liña das propostas das organizacións agrarias, céntrase en evitar que a axuda concedida deba tributarse xa íntegra ese mesmo ano, cando tal e como recoñeceu o conselleiro, nalgúns casos os beneficiarios aínda non recibiron a totalidade da aportación. “Non se debería ter que afrontar todo o pago xusto cando se está empezando coa actividade, que son os momentos máis difíciles”, indicou González.
Así, a Consellería propón que este pagamento se reparta durante o período de amortización do activo adquirido, é dicir durante a súa vida útil.
Período mínimo de 5 anos de imputación
Ademais, nos casos en que os activos teñan un período de amortización curto, como poderían ser os programas informáticos específicos, González reivindica que a tributación da axuda poida repartirse alomenos durante cinco anos. A Xunta propón este período, posto que é tamén o prazo no que os mozos se comprometen a manter a actividade cando solicitan a subvención.
Progresividade da tributación
Á par de conseguir aliviar o pago da tributación ó repartilo, esta modificación tamén permitiría que os beneficiarios pagasen menos, debido á progresividade que ten o imposto. Estas reducións poden implicar que o tipo impositivo baixe dun 30% a preto dun 15% se este abono se fai en varios anos.
Procedemento común para tramitar as devolucións
Medio Rural tamén lle esixirá ó Ministerio de Facenda que facilite unha tramitación axeitada das devolucións dos cobros indebidos efectuados durante os últimos cinco anos, no canto de ter que solicitalos de xeito individual. Polo momento, tampouco están definidos os criterios para as tramitacións das devolucións. González adiantou que de non facelo o Ministerio de Facenda, a Consellería se encargará de informar do procedemento a seguir por parte dos beneficiarios.
O conselleiro recordou que estas peticións xa se remitiran ó Ministerio nunha proposición non de lei, que conseguira o respaldo unánime, ademais de polo presidente da Xunta este mesmo verán nunha reunión coa ministra de Facenda.