As negociacións que se mantiveron esta semana no Consello de Ministros de Agricultura da UE para pechar a reforma da Política Agraria Común (PAC) non chegaron a bo porto. Non foi posible porque as posturas do Parlamento Europeo e da Comisión Europea mantéñense aínda distantes nalgúns puntos, se ben noutros xa se chegou a un entendemento.
A ministra de Agricultura portuguesa, María do Ceu Antunes, que ostenta este semestre a presidencia do Consello de Ministros, agarda chegar a un acordo antes de finais de xuño. É unha postura optimista que tamén comparte o comisario de Agricultura, o polaco Janis Wojciechowski.
Así está o estado das negociacións a día de hoxe.
– Ecoesquemas. Chegouse ó acordo de que o 25% das axudas directas do primeiro piar destinaranse ó pago dos chamados ecoesequemas, que supoñen uns compromisos medioambientais adicionais para agricultores e gandeiros. Queda por determinar se haberá un periodo de aprendizaxe nos primeiros anos, nos que se poida introducir certa flexibilidade.
– Axudas do segundo piar (Plans de Desenvolvemento Rural) dirixidas a apoios agroambientais e de benestar animal. A Comisión Europea elevou ata o 35% a porcentaxe de apoios que propón destinar a esta cuestión, pero seguen sendo inferiores ós propostos polo Parlamento Europeo.
– Converxencia dos dereitos. A Comisión Europea propuña que no 2026 se chegase a unha converxencia do 75% no valor dos dereitos, pero elevou a súa proposta ó 85%. O Parlamento Europeo, sen embargo, continúa pedindo que a converxencia sexa do 100%.
– Pagos redistributivos. A Comisión Europea aposta por unha redistribución de parte dos fondos da PAC que beneficie ás pequenas e medianas explotacións, para garantir a súa continuidade, pero é un asunto que aínda non está pechado ó 100%.
Desde as organizacións agrarias en España, xa chegaron as primeiras reaccións. A COAG considera excesivamente elevada a porcentaxe de fondos que se vai destinar a ecoesquemas. “A UE quere convertir ós agricultores nos xardiñeiros de Europa, cando se debería valorar como estratéxica a súa función de abastecer de alimentos á poboación”, consideran.
Desde UPA, pola súa banda, insisten en que os pagos redistributivos para pequenas e medianas explotacións, “cun 12% do total de fondos”, debe ser unha esixencia irrenunciable nas negociacións que manteña o ministro de Agricultura cos seus homólogos europeos.