Propostas ante o desafío dos lumes de nova xeración

Os riscos que introduce o cambio climático, unidos ó progresivo abandono de parte do monte, son xa unha realidade tanto en Portugal como en Galicia. Unhas xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega abordan o problema

Propostas ante o desafío dos lumes de nova xeración

O cambio climático está a aumentar os riscos derivados dos lumes.

Cando se combinan altas temperaturas, fortes ventos e escasa humidade, os lumes no monte poden convertirse en incontrolables. A situación empeora se os incendios chegan tras un longo periodo de seca, como sucedeu este outono en Galicia, e se se rexistra un progresivo abandono da xestión forestal. Unhas xornadas galaico-portuguesas organizadas polo Consello da Cultura Galega analizan que facer ante estes lumes de nova xeración.

Resumimos a continuación as propostas e reflexións que aportou nas xornadas o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos.

Xestionar o monte reduce os riscos. “Tras os lumes do outono, cando arderon montes veciñais que estaban ben xestionados, había comunidades que dicían que se non tivesen feito nada no monte, tería ardido igual, pero non podemos sacar a conclusión de que non vale a pena facer nada non monte”, defende Juan Picos. “Canta menor sexa a cantidade de combustible que hai no monte, menor será o perigo”.

Outro dos factores que pode mellorar o comportamento dun lume é a estrutura do combustible. Se existen discontinuidades no territorio que protexan poboacións ou que axuden ó combate do lume, o perigo reducirase.

Frear o progresivo abandono do territorio. Son precisos incentivos fiscais e asesoramento ós propietarios forestais para evitar o progresivo abandono do monte. “O camiño do abandono, ata chegar ó abandono irreversible, no que o propietario xa non sabe nin onde están as súas fincas nin ten escrituras, pasa por situacións previas, que podemos definir como semiabandono e abandono reversible, no que o propietario, aínda que non faga unha xestión directa, sabe onde están as súas parcelas ou ten quen lle diga delas. É importante evitar que eses propietarios caian no abandono”, destaca Picos.

“Ás veces centrámonos en ocuparnos de cuestións moi difíciles de resolver, como o de solucionar o problema das terras en abandono irreversible, e deixamos outras cuestións máis sinxelas e prioritarias”, valora o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.

Aumentar a rendibilidade dos aproveitamentos forestais. Un dos problemas da actividade forestal é a súa escasa rendibilidade, que unida ó minifundio, derivan nun abandono da xestión. “Un estudo da Asociación Forestal de Galicia sobre os modelos silvícolas posibles en Galicia conclúe que boa parte deles xeneran un rendemento negativo ou están no límite da rendibilidade”, advirte Juan Picos.

“Se queremos que a xente aposte por modelos silvícolas de menor rendibilidade, é difícil que a xente o faga con ese escenario económico. Non fomos capaces de xerar alternativas ou de compensar outras opcións. Os modelos dominantes -sinalou Picos en alusión á expansión do eucalipto- triunfaron por incomparecencia doutras alternativas”.

Apoios á evacuación ou ó confinamento da poboación en caso de incendios. Un dos retos pendentes, sinalou Picos, é como educar á poboación para que saiba o que ten que facer en caso dun incendio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información