Os danos do xabarín sobre o millo céntranse en dous momentos concretos, a sementeira, cando o porco bravo leva regos a eito para comer os grans de millo, e as semanas previas á colleita, cando a espiga xa está formada e lle resulta apetecible. Logo dunha campaña de sementeira complicada, que xerou indignación polos danos en moitas comarcas gandeiras, Unións Agrarias considera que cómpre anticiparse ós danos na colleita, en setembro.
A organización agraria vai solicitarlle á Consellería de Medio Ambiente que declare unha emerxencia cinexética na época estival. “Son necesarias medidas nos meses de xullo e agosto. A emerxencia cinexética sempre se aplicou na tempada de caza, pero consideramos que ante un problema estrutural como o do xabarín, hai que tomar medidas novas”, explica o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.
Unións defende que a situación se aborde nunha mesa de traballo da Consellería de Medio Ambiente cos cazadores e sector agrario. “Estamos falando de perdas medias do 4% – 5% da colleita de millo, con casos de explotacións que poden chegar ó 12 – 15% de perdas. Son danos que non se cubren coas indemnizacións de 3.000 euros de tope que vén distribuíndo a Xunta”, advirte o vicesecretario da organización, Félix Porto.
Entre as medidas a adoptar, a maiores da caza, Unións avoga por poñer en marcha un plan de prevención, con accións disuasorias con cans, para afastar ó xabarín dos cultivos. “Un exemplo é o xeito de traballar do Tecor de Lalín, co que mantemos unha moi boa colaboración. Están atentos á información que lles trasladan os produtores e actúan para deslocalizar ós xabaríns cando é preciso”, sinala Feijoo.
Outras posibles accións pasan por unha extensión do uso das xaulas de captura ó agro, co apoio da Administración, e Jacobo Feijoo avoga tamén por valorar medidas puntuais, como a alimentación disuasoria en monte. “Sería distribuír alimentación en monte, en zonas afastadas dos cultivos, só nas semanas nas que o millo é susceptible de danos, na sementeira e as semanas previas á colleita”, precisa Jacobo Feijoo.
“Non esperemos a valorar os danos e anticipémonos ó problema. Cómpre lembrar tamén a ameaza da peste porcina, da que xa hai 342 porcos bravos afectados en Cataluña”, conclúe Unións Agrarias.
Galego






Control OJD