Proposta dunha regulación do eucalipto que concilie dereitos dos propietarios e ordenación do monte

A asemblea da Asociación Forestal de Galicia aprobou hoxe unha resolución na que propón a figura de ‘dereitos de eucalipto’ como fórmula para optimizar a xestión da especie e darlle seguridade xurídica a persoas e comunidades interesadas no seu cultivo

Publicidade
Proposta dunha regulación do eucalipto que concilie dereitos dos propietarios e ordenación do monte

Os propietarios dos piñeirais afectados polas bandas vense na actualidade con escasas alternativas de plantación. / Arquivo.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou na mañá deste sábado a súa asemblea ordinaria anual en Mos (Pontevedra), na que se aprobou unha resolución pola que se solicita a posta en marcha dunha normativa específica para a ordenación sostible do eucalipto. A proposta da AFG é que esa futura normativa se consensúe con todo o sector forestal e co Goberno galego ao longo dos próximos meses.

A fórmula de regulación que a Asociación Forestal considera máis idónea é a creación da figura de ‘dereitos de eucalipto’. Este sistema permitiría que os propietarios que teñan na actualidade plantacións de eucalipto en sitios pouco aptos para a especie poidan vender os seus dereitos de plantación a propietarios que teñan mellores condicións para o cultivo do eucalipto.

Deste xeito, poderíanse eliminar eucaliptais que na actualidade están en estado de abandono e/ou ocupando superficies pouco produtivas ou non mecanizables. O sistema tería ademais vantaxes adicionais, como a de crear incentivos para a retirada do eucalipto de espazos naturais protexidos ou a de favorecer a instalación doutras especies forestais nas actuais masas de eucalipto, de cara a crear unha paisaxe mosaico con discontinuidades, favorecendo así a biodiversidade.

En tanto esta normativa específica para a regulación do eucalipto non se consensúe e se poña en marcha, a Asociación Forestal de Galicia entende que é preciso prolongar a actual moratoria do eucalipto, que en principio expira a final do 2025.

A resolución aprobada na asemblea especifica que esta prórroga da moratoria debe facerse por un período máximo de 2 – 3 anos, debendo ser eliminada unha vez se aprobe a futura normativa específica.

Proposta para a mutualización dos gastos das franxas de protección de incendios
Na asemblea ordinaria da Asociación Forestal de Galicia aprobáronse dúas resolucións máis. Unha sobre as franxas secundarias de protección de incendios e outra sobre a regulación da actividade forestal en áreas de afección ó patrimonio.

No tocante ás franxas secundarias de protección de incendios, que se dispoñen arredor de vivendas e núcleos de poboación, a asemblea da AFG solicita que a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais recolla a mutualización do gasto de mantemento das franxas secundarias.

A Asociación Forestal de Galicia considera que os gastos anuais de roza desas franxas non deben recaer só sobre os propietarios forestais, senón que debe buscarse unha mutualización dos custos, tendo en conta ademais a perda de capacidade produtiva desas parcelas.

Áreas afectadas por Patrimonio
Unha terceira resolución da asemblea fai referencia ás áreas forestais afectadas por elementos de Patrimonio, para as que se pide a definición dunhas instrucións para os traballos forestais. A AFG é favorable á conservación dos elementos patrimoniais en monte, pero subliña que deben reducirse tanto a burocracia como os gastos actuais que implica para a propiedade a presenza de patrimonio no monte.

Francisco Dans, director da AFG desde o ano 1986, despídese tras catro décadas de traballo

A maiores da aprobación de resolucións e de cuestións de xestión da AFG, o momento máis emotivo da asemblea ordinaria produciuse coa despedida de Francisco Dans, impulsor da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e director da entidade desde o ano 1986. Dans vén de deixar o seu posto á fronte da AFG pola súa próxima xubilación e tivo ocasión de despedirse dos socios na asemblea de hoxe.

Durante os seus 38 anos como director na Asociación Forestal de Galicia, da que foi impulsor, Francisco Dans liderou a defensa dos intereses de propietarios forestais privados e de comunidades de montes veciñais en man común.

En sintonía coas liñas de traballo acordadas cos catro presidentes da AFG cos que conviviu, representou á AFG na gran maioría dos foros e comités do sector forestal galego e español, así como a nivel internacional. Nos últimos anos, veu desempeñando tamén os cargos de vicepresidente da Fundación Arume e de vicepresidente de Relacións Institucionais da AFG.

Ata xullo do 2025, Francisco Dans continuará traballando na AFG como asesor do presidente e en proxectos que ten ao seu cargo, así como asumindo a representación da Asociación Forestal de Galicia en diversos foros a nivel estatal e internacional.

Ante a saída de Francisco Dans, unha figura clave no sector forestal galego nas últimas décadas, a Xunta de Goberno da Asociación Forestal de Galicia designou como novo director a Xosé Covelo Míguez, enxeñeiro de montes que leva traballando na asociación desde o ano 2018, primeiro como encargado da unidade de comercialización de madeira e posteriormente como director técnico da oficina de Ponteareas, ademais de ser responsable da supervisión da unidade de certificación e de proxectos de CO2.

No seu cometido, Covelo estará asistido por tres directores técnicos, todos cunha longa experiencia de traballo na AFG e recoñecidos profesionais no sector: Daniel Rodríguez, na dirección económica; Braulio Molina, en I+D+i, e Jorge Bouzas na dirección técnica a nivel forestal.

Antonio Rigueiro, reelixido como presidente da AFG, á fronte dunha xunta de goberno integrada por unha equipa de 10 persoas

Nova xunta de goberno da AFG, xunto con Francisco Dans, director saínte, cuarto pola dereita, e Julio Aneiros, primeiro pola dereita, que tamén sae da anterior xunta.

Nova xunta de goberno da AFG, xunto con Francisco Dans, director saínte, cuarto pola dereita, e Julio Aneiros, primeiro pola dereita, que tamén sae da anterior xunta.

Trala asemblea ordinaria da Asociación Forestal de Galicia, celebrada na mañá deste sábado en Mos (Pontevedra), á tarde celebrouse unha asemblea extraordinaria para a elección dunha nova xunta de goberno da Asociación Forestal de Galicia para un período de catro anos.

Á fronte da xunta de goberno continúa como presidente Antonio Rigueiro, que repite no cargo encabezando unha equipa integrada por un total de 10 persoas, na que se mantén unha representación equilibrada de propietarios forestais particulares e comunidades de montes veciñais en mancomún.

Na xunta de goberno da Asociación Forestal continúa parte da equipa do período anterior e renovouse outra parte, na procura de darlle cabida a tódalas sensibilidades e intereses. Así, hai presenza de propietarios que traballan tanto piñeiros como castiñeiros ou eucalipto, e dáselle entrada a representantes de comunidades de montes veciñais de ámbitos periurbáns, como é o caso da de Saiáns (Vigo) ou a de Castelo (Culleredo).

A nova xunta de goberno, única candidatura presentada á elección, queda conformada do seguinte xeito:

Presidente:
Antonio Rigueiro Rodríguez

Vicepresidente de Relacións Institucionais:
Juan Ramón Gallástegui Otero

Vicepresidenta de Montes Particulares:
María Belén Mantiñán Edreira

Vicepresidente de Montes Veciñais:
José Luis Campos Represas (C.M.V.M.C. de Xinzo-Ponteareas)

Vogais de Montes Particulares:
María Irene Díaz Martínez
Manuel Galdo Dopico (Asociación de Productores de Madeira de Viveiro-PROMAVI)
José Manuel Queijas Pallas

Vogais de Montes Veciñais:
Jesús Ángel Ferreño Naveira (C.M.V.M.C. de Castelo-Culleredo)
Uxío González Pérez (C.M.V.M.C. de San Xurxo de Saiáns-Vigo)
José Manuel Suárez Gamallo (C.M.V.M.C. de Saiar-Caldas de Reis)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información