A Sociedade de Caza e Pesca de Lalín propón a creación dun protocolo de rápida actuación contra os danos ocasionados polo xabaril nos cultivos. O Tecor da Sociedade solicita o apoio de Unións Agrarias para presentarlle a Medio Ambiente un plan piloto no cal se reduza o tempo de actuación contra o xabaril e tamén os trámites.
José Luis Montoto, presidente do Tecor de Lalín, presentou os puntos clave do plan piloto e destacou que “hai necesidade de mellorar a xestión do xabaril, que actualmente supón un gran problema na comarca de Deza”. Indica que por anos baixa a poboación de xabaril, pero ao seguinte “xa repunta de novo e causa enormes perdas nas explotacións da zona”.
Actualmente, cando un gandeiro sofre un problema co xabaril o primeiro que fai “é chamar ao Tecor”, e dende esta instancia indícanlle que ten que poñer a denuncia pertinente a Medio Ambiente. “Entre que denuncian, veñen os técnicos a valorar e podemos actuar, xa pasan uns días nos que o xabaril xa se moveu e está a provocar danos noutras fincas”, describiu o presidente. Engadiu que co plan que lle presentarán a Medio Ambiente eliminaríanse eses pasos burocráticos e poderían actuar dende o momento no que os avisa o gandeiro.
Os cazadores valoran que o peso da xestión dos danos do xabaril recae nos Tecor e advirten de que se esa presión segue a facer forza, desaparecerán
Javier Iglesias, membro de Unións Agrarias, puntualizou que, no caso do Tecor de Lalín, hai un servizo de garda que non conta coa autoridade para poder emitir os informes pertinentes: “Noutras actividades, os servizos de garda actúan coma se fosen administración e recoñécenselles os informes que emiten; porén aquí non. Se tivese esa autoridade, podería certificar os danos e xa se axilizarían as medidas posteriores”.
O presidente do Tecor engadiu que en Lalín contan con seis cuadrillas e xa lles informaron do plan que van presentar “e as persoas que teñen dispoñibilidade poderían formar parte desa cuadrilla que sería a encargada de facer esas saídas”.
Na súa intervención tamén urxiu unha modificación da Lei de Caza de “xeito inmediato; non podemos agardar máis”. Indica que actualmente o peso da xestión dos danos do xabaril recae nos Tecor e se esa presión segue “a facer forza, vamos desaparecer”. Sinalou que tamén están a ter problemas coas aseguradoras e resúltalles complexo que o Tecor estea asegurado. Nese sentido, agradécelle aos gandeiros porque recoñece que unha denuncia deles pode facerlles moito dano, “por iso, sempre intentamos botarlles unha man dentro do pouco que podemos facer”.
Proposta do plan piloto
O plan piloto comeza pola creación de equipos de cazadores de xabaril, cos seus correspondentes xefes de cuadrilla. Propoñen poder actuar nun tempo mínimo dende a denuncia dos danos e validación destes por parte do axente medioambiental, ou, no seu defecto, que sexa o propio garda desa sociedade o que poida validar ditos danos, transmitíndollos, por suposto, ao propio axente ou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
As actuacións a levar a cabo serán determinadas pola propia directiva da sociedade, o garda, e o equipo que levará a cabo dita actuación. Serán: can atraelado, batidas de dispersión, esperas e batidas con morte, sempre dentro da lexislación.
Posteriormente, indican que haberá notificación directa por parte do garda da sociedade para poder obter as autorizacións pertinentes para poder levar a cabo ditas actuacións na maior brevidade posible, o que cren que permitiría reducir en gran medida os danos ocasionados.
Detallan que nas batidas de dispersión, se notificará soamente a persoa ou persoas que van levar a cabo a actuación, xa que actualmente obríganse a cubrir unha lista, dado que estas soltas pódeas realizar unha persoa.
Nas batidas con morte, como último recurso, só se realizarán as fins de semana. Farán constar unhas datas reservadas nos plans anuais para ditas actuacións, sempre baseándose nos estudos pertinentes e nas datas nas cales se realizan as sementeiras e aumentan considerablemente os danos, podendo incluír estas datas dentro do paro biolóxico marcado polo plan anual.
Consideran de necesidade coñecer o número de xabarís “que estamos dispostos como país a xestionar”
Unha xestión axustada
Por parte de Unións Agrarias, Roberto García, secretario xeral do sindicato, lembrou que os datos do propio Tecor “confirman que non hai menos xabarís que o ano pasado, que os danos seguen a ser elevados e que a inmensa maioría deles non se cobren”. Ante isto, criticou que a Administración externalizou un problema, “descargou no agricultor e gandeiro a asunción dos danos porque só cobre unha pequena parte deles, ata 2.750 euros”.
Considera importante que se presente o plan piloto e engade que tamén é de necesidade coñecer o número de xabarís “que estamos dispostos como país a xestionar”. Explicou que se cada ano hai máis xabarís e a única ferramenta que a administración dota é a caza social, “pois teremos máis xabarís”. Destaca que están dispostos a convivir co xabaril na medida que “esteamos capacitados orzamentariamente a asumir ese problema”.
Logo de aprobar o plan piloto, deberanse sacar experiencias de Lalín para trasladalo a outras zonas de Galicia
Nese sentido, indicou que se no lobo se asumen catro millóns de euros anuais para as indemnizacións, no xabaril será necesario buscar ferramentas que axuden a reducir a poboación ou contar con orzamentos. “Nós entendemos que este problema, que é de xestión pública, non pode descargarse nin nos agricultores nin nos cazadores. Polo tanto, as ferramentas económicas e de axilidade da resposta da administración son necesarias”, puntualizou o secretario de Unións.
Engade que a maiores de aprobar o plan, que será presentado en Medio Ambiente, posteriormente hai que sacar as experiencias do mesmo para poder estendelo a outras zonas de Galicia, “onde non vamos ter as mesmas facilidades que en Lalín porque non vamos a ter o mesmo número de cazadores destinados a crear o equipo”.