O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, valora con satisfacción a proposta do paquete de medidas de simplificación da Política Agraria Común (PAC) presentado o mércores, día 14, pola Comisión Europea, xa que “recolle boa parte das solicitudes presentadas por España”.
Luis Planas sinalou que a iniciativa lexislativa da Comisión Europea supón un “importante avance” cara a unha maior simplificación e redución da carga burocrática demandada polos Estados membros. Neste sentido, eloxiou que o comisario de Agricultura e Alimentación, Cristophe Hansen, busque simplificar a actual PAC para facela máis eficaz e próxima aos problemas dos agricultores e gandeiros.
Tras as modificacións introducidas na PAC o ano pasado, constatouse a necesidade de continuar nesta liña de traballo, por iso a propia Comisión Europea volveu presentar unha nova proposta que recolle as principais peticións realizadas por España.
O novo proxecto de regulamento propón a supresión da liquidación anual do rendemento, un procedemento que supoñía unha considerable carga administrativa e co que existía o risco de deixar sen financiamento gastos perfectamente elixibles contemplados na normativa. España liderou o envío dunha carta á Comisión Europea en novembro de 2024 na que se solicitaba esta supresión e que foi subscrita polos 27 Estados membros da Unión Europea.
Outra das aspiracións españolas recollidas é a redución do alcance da avaliación da calidade do sistema de monitorización de superficies. Tamén neste asunto, España foi o país que encabezou a petición nun escrito presentado en marzo de 2024 que tivo a adhesión de 20 Estados membros.
A Comisión Europea tamén incorporou á súa proposta lexislativa a petición española de incrementar o límite da axuda financeira que presta a Unión Europea aos programas operativos das organizacións de produtores de froitas e hortalizas (OPFH). A proposta da Comisión Europea apunta que estas organizacións poidan acceder á axuda adicional do 0,5 % do valor da produción comercializada.
Ademais, o ministerio valora positivamente outras medidas incluídas na proposta de paquete lexislativo relativa a flexibilidades na condicionalidade reforzada -como a exención de controis e sancións aos beneficiarios que se acollan ao sistema de pequenos agricultores- nos ecorreximmes e na modificación dos plans estratéxicos nacionais.