A proposta de fondos para a PAC 2021-2027 suporía un recorte de 585 millóns ao ano para España

COAG alerta de que o anuncio realizado onte pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, supón un descenso do 9% nos fondos agrarios. No capítulo de axudas directas da PAC a redución sería do 9,7% e en Desenvolvemento Rural do 6,3%

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) cifra en 585 millóns de euros a perda anual de fondos agrícolas para o sector agrario español, en base á proposta sobre o marco financeiro 2021-2027 presentada este mércores pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

A proposta da Comisión supón un descenso do gasto agrario en termos reais (-9,1%), máis drástico no alicerce de axudas directas da PAC (-9,7%) que no capítulo de desenvolvemento rural (-6,3%), no que se inclúen 15.000 millóns de euros do fondo Next Generation para afrontar a transición verde de Europa. A análise comparativa realizada por COAG cuantifica este “machadazo” en 35.000 millóns de euros (repartidos en 7 anos) para os fondos globais da PAC en toda a UE, respecto ao marco financeiro 2014-2020. A perda anual ascendería a 5.000 millóns de euros, dos que preto de 600 millóns corresponderían a España, dado que a participación de España nos fondos agrarios comunitarios é do 12%.

FINAL

Nun escenario de grave crise de rendibilidade das explotacións agrarias e maiores esixencias ambientais, de loita contra o cambio climático, e de benestar animal dentro do Pacto Verde da UE, e por tanto, maiores custos para os agricultores e gandeiros europeos, COAG pide ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que estableza alianzas con outros países da UE para reorientar a proposta de recorte da Comisión Europea e reforzar o orzamento da PAC no marco financeiro 2021-2027.

COAG considera inaceptable calquera tipo de recorte nun contexto de grave crise de rendibilidade das explotacións e maiores esixencias e custos ambientais dentro do Pacto Verde Europeo

“Sería realmente inxusto e alarmante que a UE quixese financiar a transición ecolóxica da UE rebaixando o apoio ás persoas do campo. A UE volve evidenciar a hipocrisía das súas políticas: menos apoio aos nosos produtores á vez que se asinan acordos de libre comercio con terceiros países, porta de entrada de importacións que non cumpren cos estándares de calidade, seguridade alimentaria, respecto medio ambiente e benestar animal da UE, e caldo de cultivo para a competencia desleal e a presión á baixa dos prezos no campo. É dicir, menos orzamento para afrontar unha transición verde, sen esixir mesmos estándares ás importacións nin control de terceiros países e sen abordar o abuso de posición dominante das cadeas de distribución europeas na cadea de valor agroalimentaria”, argumentou Miguel Blanco, Secretario Xeral de COAG.

FINAL

Ademais, desde COAG puntualizan que España empezou a ser contribuínte neto ao orzamento comunitario, debido principalmente a unha diminución dos fondos estruturais e de cohesión que chegan da UE e que agora se concentran nos países do Leste de Europa, de modo que “a agricultura adquire unha función esencial á hora de garantir retornos adecuados para o noso país dos fondos europeos, polo que o Goberno español debe priorizar os fondos agrarios na negociación dos orzamentos comunitarios 2021-2027”, subliñou Blanco.

As cooperativas solicitan polo menos a mesma dotación de fondos agrarios que no orzamento de 2014 a 2020

A proposta presentada este mércores pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, inclúe unha revisión do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 presentado en maio de 2018 e un gran plan de recuperación da UE trala pandemia do coronavirus denominado Next Generation EU, que implica unha inxección de fondos entre axudas e préstamos que alcanzarían os 750.000 millóns de euros e dota ao sector agrogandeiro de 30.000 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta dedicado aos sectores que deberán adaptarse á transición ambiental, de 10.000 millóns para aplicar as Estratexias de Biodiversidade e Da Granxa ao garfo a través do Plan InvestEU e tamén un aumento da dotación de 15.000 millóns para os programas de Desenvolvemento Rural.

Desde Cooperativas Agro-alimentarias de España valoran que se inclúa ao sector agrario neste plan, pero lamentan que se manteña o recorte de orzamento da PAC. “Lamentamos que a proposta siga presentando un orzamento inferior ao do actual marco financeiro, dos que 28.000 millóns corresponderían á perda de fondos no primeiro alicerce e 6.000 millóns a recortes en desenvolvemento rural”, indican.

España recibe o 12% dos fondos agrícolas da UE, que descenderían en 35.000 millóns no período 2021-2017

Cooperativas Agro-alimentarias de España lembra “o carácter estratéxico deste sector, que garantiu o abastecemento de alimentos á poboación europea”, polo que, reclaman que “a futura PAC debería ter polo menos a mesma dotación orzamentaria que o actual período, algo que xa solicitaron o Parlamento Europeo e a maioría dos Estados membros, e que sería fundamental para afrontar os importantes obxectivos que a transición ecolóxica esixe ao sector produtor”.

Por último, Cooperativas Agro-alimentarias de España pide á Comisión que amplíe os fondos destinados a xestión de mercados. “A limitación do actual orzamento nesta partida impediu acudir a mecanismos comúns de xestión de mercados suficientes, limitados a uns insuficientes 88,5 millóns de euros para todos os sectores na UE, e foron os Estados membros que dispoñían de recursos propios os que saíron en axuda dos seus sectores, poñendo en perigo a integridade do mercado único da UE, xa que a PAC actual e o seu orzamento non están preparados para enfrontárense a graves crises de mercado, unha cuestión que a Comisión debería abordar con seriedade no debate que se abre nestes momentos”, afirman as cooperativas.

O ministro Luis Planas considera positiva a nova proposta da Comisión e móstrase conformista

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, valorou a nova proposta de orzamento para a Unión Europea para o período 2021-2027, destacando que supón unha mellora a respecto da proposta inicial da Comisión, xa que se incrementa a dotación financeira inicialmente prevista para a Política Agraria Común.

“Ursula von der Leyen presentou este mércores esta nova proposta pola que se dota dunha cantidade adicional á PAC, a través do Instrumento Europeo de Recuperación Next Generation UE, e que supón un incremento global de 26.434 millóns de euros para a política agraria, que actualmente beneficia a 700.000 perceptores en España”, destaca o Ministerio.

A PAC beneficia a 700.000 perceptores en España, 27.000 en Galicia

A proposta supón, a xuízo do Ministerio de Agricultura, “unha boa base para a negociación que en breve comezará no seo do Consello Europeo” e Luís Planas confía en que sexa posible chegar pronto a un acordo entre os Estados membros e o Parlamento Europeo. Esta nova proposta, sinalou o ministro, supón un recoñecemento ao papel que xoga a PAC na sociedade europea.

“A profunda transformación do noso sistema agroalimentario”, indicou o ministro, “precisa dos apoios suficientes, sobre todo, para os nosos agricultores e gandeiros”, que teñen que contar con explotacións máis rendibles para facer fronte aos novos desafíos. Segundo Planas, os produtores “serán os principais protagonistas do cambio”, ao aplicar prácticas e modelos de produción que mitiguen o cambio climático e preserven a biodiversidade e a paisaxe. “A PAC debe ser o principal apoio que permita ao sector agroalimentario español afrontar o reto da transición xusta cara a un modelo máis sostible desde o punto de vista económico, social e ambiental”, considera o Ministerio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información