A proposta de ecoesquemas para a nova PAC do Ministerio perxudica a Galicia

O borrador de proposta de ecoesquemas que propón o Ministerio de Agricultura para o reparto dos fondos da nova PAC suscita críticas tanto da Consellería do Medio Rural como do Sindicato Labrego Galego por non adaptarse á realidade das ganderías de vacún de Galicia e da Cornixa Cantábrica. Estes son os puntos máis polémicos

A proposta de ecoesquemas para a nova PAC do Ministerio perxudica a Galicia

Xunta e Sindicato Labrego coinciden en que a proposta de ecoesquemas do Ministerio non se adapta á reaelidade das ganderías galegas

O Ministerio de Agricultura ven de facer pública unha proposta provisional de ecoesquemas, as prácticas beneficiosas para o medioambiente ás que terán que acollerse gandeiros e agricultures para recibir unha parte importante das axudas da nova PAC a partir do ano 2022, en concreto 1107 millóns de euros ao ano no caso do estado español.

As prácticas bonificables que propón o Ministerio e ás que voluntariamente se poderán acoller os productores son 9 e divídense en dous tipos: un principal, que acaparará o 90% das axudas e que contempla 7 prácticas a elixir (pastoreo extensivo; a agricultura de conservación e sementeira directa; cubertas vexetais vivas; cubertas inertes ou mulching; sega sostenible; rotación de cultivos con especies mellorantes fixadoras de nitróxeno, e deixar áreas non productivas en terras de cultivo.) e outro outro ecoesquema complementario que bonificará prácticas relacionadas coa agricultura de precisión: a xestión sostenible de insumos e también o pastoreo racional (rotación de especies e parcelas). 

Porén, a proposta suscita en Galicia un rexeitamento no sector debido a que non se axuste á realidade galega, e en boa medida á das comunidades da cornixa cantábrica.

Consellería do Medio Rural: “Para Galicia a proposta é insatisfactoria e manifestamente mellorable”

Dende a Consellería do Medio Rural tamén coinciden en que “para Galicia a proposta provisional de ecoesquemas que vén de trasladar o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) é insatisfactoria e resulta manifestamente mellorable”.

“Así, en liñas xerais, o documento do Mapa segue mantendo a orientación mediterránea denunciada no seu día por Galicia e non garante que se manteña o nivel de axudas que viñan recibindo con cargo á PAC os nosos agricultores e gandeiros”, advirten dende o departamento que dirixe José González.

Como cuestións concretas, a Xunta considera por exemplo que no ecoesquema sobre pastoreo extensivo “é preciso aumentar tanto a carga gandeira mínima como a máxima e ademais, para o cálculo desa carga debe computarse toda a superficie forraxeira da explotación (pastos permanentes, pastos temporais e cultivos forraxeiros)”.

Por outra banda, no segundo ecoesquema, centrado na sega sustentable, considérase que “esta práctica resulta moi pouco atractiva para as explotacións gandeiras de Galicia, polo que a súa aplicación potencial nos nosos pastos húmidos sería moi reducida, particularmente nas granxas de vacún de leite”. “Os compromisos a asumir polos potenciais beneficiarios son, neste caso, inasumibles para os nosos gandeiros e mesmo se prevé unha perda cuantitativa importante de colleita e unha redución considerable da calidade do forraxe”, advirten dende a Consellería. Por iso, proponse, a maiores, que se inclúa unha actuación, denominada “transición ecolóxica do manexo dos pastos de sega”, que se centraría en mellorar a xestión e reducir o uso de fertilizantes de síntese e fitosanitarios.

Tamén, no ecoesquema número tres, sobre rotacións en terras de cultivo, demándase que se teña en conta o pequeno tamaño das explotacións galegas (o minifundio), tendo en conta que resulta máis complicado rotar nunha superficie reducida que noutra máis grande.

En relación co ecoesquema número cinco, vinculado ás áreas non produtivas en terras de cultivo, demándase que se inclúan como elixibles tamén as superficies de pastos, tanto temporais como permanentes.

Ademais, a Xunta defende que “debe explicitarse que dentro das áreas non produtivas se computan tanto os elementos estruturais da paisaxe como as pequenas infraestruturas agrarias tradicionais. E que se inclúen tanto elementos de nova implantación como o mantemento e adecuada xestión dos existentes”.

“A maiores, como reflexión xeral sobre os ecoesquemas propostos polo Ministerio, por parte de Galicia considérase que as contías de axudas propostas son moi baixas e que cómpre incrementar o seu importe en practicamente todos eles”, conclúen dende a Consellería de Medio Rural.

Sindicato Labrego: “Estes ecoesquemas non resultan acaídos para as granxas galegas”

Para o Sindicato Labrego Galego, estas son as cuestións que suscitan maiores críticas:

1.- Os ecoesquemas deberan ser mellor tratados pois teñen todo o potencial, xunto coa axuda redistributiva, para ser unha ferramenta de apoio real ás pequenas granxas e á agricultura familiar, as grandes esquencidas desta e das anteriores reformas da PAC

O estado español reduce os importes dos ecoesquemas ao 23%, cando debera de estar no 25%, deixando ese 2% restante en pagos do segundo piar. Se a aposta fose forte e importante polos pagos vinculados a compromisos ambientais, a dotación para os ecoesquemas sería tamén forte. Ademais, os importes propostos polo ministerio levan a pensar unha vez mais nunha política feita á medida da agricultura mediterránea. Comparadas co pago verde do anterior período, a maioría de granxas da Galiza verán reducidos os importes a cobrar.

Por outra banda, valoramos positivamente a previsión da degresividade das axudas, aínda que fica pendente comprobar a efectividade da súa aplicación real.

2.- Insistir en cimentar a consecución de obxectivos medioambientais e climáticos en medidas de dixitalización e tecnificación das granxas antóllase dun tecnooptimismo pouco razonábel.

Sen negar as posibilidades da dixitalización, parece básico previamente dar unha solución real e eficaz á fenda tecnolóxica existente nas zonas rurais e entre os diferentes grupos de idade.

E se cadra, nun sector cunha media de idade elevada e coñecementos limitados no emprego de novas tecnoloxías por parte da maioría, estría ben apostar polo rexuvenecemento do sector antes do que pola dixitalización.

3.- Limitar a posibilidade á escolla de dous ecoesquemas (un principal e outro secundario) limita o acceso aos pagos ás pequenas granxas biodiversas, que xa realizan varias ou moitas destas prácticas, limitando así tamén o alcance dos obxectivos propostos.

Ademáis, non hai unha liña clara de primar a sustentabilidade real das granxas, primando aquelas menos dependentes de insumos e de tecnoloxías alleas. Isto é completamente visíbel no deseño dos ecoesquemas secundarios, pois voltan incidir na dependencia, obrigando ás beneficiarias a incorrer en custes de contratación de servizos técnicos e de compra de paquetes tecnolóxicos. A simplificación pode ser de xestión administrativa, pero non de xestión nin de execución para as beneficiarias.

4.- O afán de penetración e simplificación destes ecoesquemas, rebaixando esixencias, pon en risco a súa eficacia medioambiental e o seu papel incentivador para mudar de prácticas agrogandeiras de cara a acadar os obxectivos propostos e cubrir as necesidades detectadas. Baixo unha estratexia de ‘café para todas’ pérdese unha grande oportunidade de facer unha mudanza real dos modelos de produción e consumo de alimentos no estado español.

5.- Das 7 prácticas principais propostas, a gandeiría galega só tería acceso a 4, dúas para pastos e dúas para terras de cultivo. As granxas de vacún de carne, á vista do proposto, sairán perdendo nesta nova PAC, co conseguinte risco que isto supón. Especialmente nas zonas de montaña, onde súa presenza é básica para a pervivencia viva e dinámica destas zonas.

6.- No ecoesquema de pastoreo, o máis interesante para as granxas galegas, resulta irrisorio o número de dias de pastoreo (120) identificando este con extensivo, real e efectivo. O aproveitamento tradicional a dente de superficies de monte raso polo gando queda fora dos pagos da PAC, obviando o grande papel tanto ambiental como de xestión da biomasa e control de incendios, co conseguintes riscos que supón o abandono destas superficies. Vólvese infravalorar o potencial de pasto do monte galego, tendo en conta únicamente a superficie neta de pasto, mentres para o caso específico dos pastos insulares e mediterráneos si se teñen en conta os pastos con predominancia arbórea e arbustiva.

7.- O ecoesquema de sega sustentable e mantemento de marxes pode ter certo interese para as granxas galegas, a falta de ver as condicións de elexibilidade destas superficies. En calquera caso non resulta acaído precisamente para as granxas galegas que fan un aproveitamento real e sustentábel dos seus pastos, cun aproveitamento mixto da superficie (pastoreo e sega do que non se dá pacido), pois a norma limítao a superficies de sega e faino incompatíbel co de pastoreo.

8.- Canto ao ecoesquema de cultivos leñosos, ao ser pagos por hectárea, ficamos á expectativa de ver como se aplican na Galiza. No país as superficies de cultivos leñosos soen ser pequenas, non chegando en moitos casos aos importes mínimos con dereito a perceber a axuda.

9.- Faise un uso intereseiro do termo ‘agroecoloxía’, procurando reducilo a un termo meramente “técnico”. A agroecoloxía biodiversa, socialmente responsable e orientada aos circuítos curtos de comercialización non está presente, e apóstase por un modelo agroindustrial con lixeiros toques verdes que usurpa o termo agroecoloxía e o baleira de significado. Se o obxectivo é chegar a sermos climaticamente neutros, primando as economías circulares e a sustentabilidade dos sistemas produtivos, non é de recibo seguir apoiando xeitos de facer agricultura baseados nas grandes extensións de terreo moi mecanizadas e dixitalizadas, por
moi intelixente que sexa a agricultura que fan.

Pola contra, é o momento de apoiar as pequenas granxas familiares de pequeno tamaño, cun custe enerxético mínimo, situadas nos cintos exteriores das cidades, que producen alimentos de calidade e de preto, favorecer os circuítos curtos de comercialización e distribución de alimentos e promover as economías locais. Para iso debería estar a PAC, e non para empregar ás labregas como medio de transvase de cartos públicos ás grandes empresas privadas do agronegocio e ás das tecnoloxías da información e dos datos. 

Accede aquí ao borrador de ecoesquemas para a nova PAC proposto polo Ministerio de Agricultura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información